Publicador de contidos
Publicador de contidos

Calma nas estradas galegas no segundo día da operación retorno de vacacións

Calma nas estradas galegas no segundo día da operación retorno de vacacións

No desvío da A-6 en Pedrafita do Cebreiro o tráfico discorre con fluidez

G24.gal 27/08/2022 14:37 Última actualización 27/08/2022 14:57

Segundo os datos que manexan a Garda Civil de Tráfico e a DXT, a operación retorno das vacacións estase desenvolvendo con total normalidade nas estradas galegas, sen retencións importantes. Tanto nos accesos ás cidades coma en puntos concretos, como en Pedrafita, a circulación viaria non presentou problemas durante a mañá.

"Esperamos unha operación retorno tranquila, xa que será gradual, ao longo de toda a fin de semana e posiblemente ata fin de mes", asegura Hector Teixeira, da Garda Civil de Tráfico de Galicia.

Son case setecentos mil os desprazamentos previstos para esta fin de semana en Galicia, un catorce por cento dos esperados nas estradas españolas, de feito, un tráfico máis intenso que nos anos anteriores do confinamento.

O maior temor era que se reproducisen os embotellamentos acontecidos en semanas anteriores no desvío da A-6, á altura de Pedrafita do Cebreiro, por mor da caída hai dous meses do viaduto do Castro.

"Se a nosa ruta inclúe o paso por Pedrafita, o que temos que prever é que podemos atopar retencións. Así que se temos unha hora de chegada, tratar de adiantar a saída para evitar esa posible retención e tentar atopar rutas alternativas pola A-52 (Vilalba-Asturias) ou pola A-8 (Vigo-Ourense)", propón Héctor Teixeira.

A Dirección Xeral de Tráfico incrementou a presenza dos axentes de Tráfico durante esta operación de retorno vacacional, que prevé un aumento da circulación na tarde do domingo, especialmente nas entradas das cidades e nas proximidades de autovías e autoestradas. O que si están detectando os axentes é unha suba dos positivos en alcoholemia nos últimos días.

"Vanse incrementar o número de probas de alcol que imos realizar, xa que nas fins de semana anteriores reflectiuse un aumento do número de positivos. Deste xeito, á hora de conducir nada de alcol nin de drogas porque son factores concorrentes que producen accidentes", lembra Héctor Teixeira.

A Garda Civil de Tráfico en Galicia recomenda paciencia aos condutores durante esta operación retorno, que respecten as normas e que gocen da viaxe, porque o importante é volver.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade