Varios cans sofren envelenamentos na contorna de Tafisa en Pontevedra
Varios cans sofren envelenamentos na contorna de Tafisa en Pontevedra
Os veciños alertan de intoxicacións severas dos seus animais ao estar en contacto cun po branco
Varios veciños e veciñas de Pontevedra deron a voz de alarma ao sufrir os seus cans intoxicacións severas despois de pasear pola avenida de Bos Aires en Pontevedra. Son moitas as persoas que acoden coas mascotas á coñecida como contorna de Tafisa a pasear os seus animais.
Ao parecer, os casos de intoxicación producíronse despois de pisar ou lamber un po branco que está depositado no chan. Dende o Concello piden a colaboración cidadá para poder dar coa persoa responsable e avisar a Policía Local se ven algo sospeitoso.
As recomendacións son estar alerta ante calquera comportamento estraño ou a presenza deste po branco no chan. En caso de que o animal se vexa prexudicado, hai que conservar a copia do informe veterinario para tentar canalizar as denuncias por vía penal.
Se se localiza ao responsable destes actos de crueldade, pódeselle imputar un delito de malos tratos animais, con pena de ata tres meses de prisión.
"Dixéronnos que botan un veleno"
"Nós vimos todos os días e paráronnos aí atrás e dixéronnos que botan un veleno, uns pos. Imos pendentes, mirando e notamos que a xente está preocupada porque lles pode facer moito dano aos animais, e teñen os seus dereitos, e os cans que veñen por aquí veñen acompañados son cans bos", asegura unha veciña.
"Din que é veleno de cascuda é un po branco, se o ves na beirarrúa coidado porque é veleno. Non só con lamber se o vai cheirar tamén é perigoso. Din que é porque hai unha colonia de gatos e alguén que non os quere alí e está tolo quere exterminalos. Afecta a todos, os paxaros a un neno que estea a xogar coa pelota se pasa por enriba do veleno, pode collela e despois meter as mans na boca, polo que afecta a todos" conta unha muller preocupada.
"Vin onte nas redes sociais e dixéronme que tivese coidado que veño por aquí pasear o can, a xente que non ten outra cousa que facer que botar veleno para matar os animais", afirma un mozo.
"Normalmente sempre tratamos de soltalos un anaco, pero agora hai que telos máis controlados para coidalos", asegura outro veciño.
Á marxe do dano que se pode producir á saúde das mascotas a presenza de veleno nas vías públicas tamén supón un verdadeiro perigo para as persoas que pasen pola zona, en especial para os máis pequenos. Tamén existe e risco de que as propias mascotas leven o veleno ás vivendas sen que os donos se decaten.