Publicador de contidos
Publicador de contidos

Caos do transporte na xornada electoral polo roubo de cobre e os incendios en Rodalies

Caos do transporte na xornada electoral polo roubo de cobre e os incendios en Rodalies

Os trens de proximidades non funcionaron durante horas e iso afectou tamén ao transporte de bus e taxi

As xuntas electorais provinciais decidiron finalmente non ampliar o horario de votación, como pedían Junts e ERC

G24.gal 12/05/2024 20:27

O inicio da xornada electoral en Cataluña parecía preludiar un día tranquilo, con normalidade na apertura dos colexios e considerable afluencia de votantes.

Esa situación inicial torceuse en pouco tempo cando transcendía a nova da paralización do Servizo de Rodalies, sobre todo en Barcelona e Tarragona. Un gran roubo de cobre provocaba unha sobretensión na estación de Montacada que causaba un efecto dominó con varios incendios en distintos puntos e a paralización total da rede.

"Estamos recomendando outros servizos de transporte porque o servizo de Rodalies agora é moi limitado. A medida que Adif vai avanzando nos traballos, estanos permitindo, practicamente minuto a minuto, mellorar os servizos que estamos dando", explicaba Antonio Carmona, director xeral de Rodalies.

O colapso de viaxeiros a mediodía acadaba dimensións poucas veces vistas en proximidades. Na Generalitat pedíanlle ao Goberno central solucións. O ministerio de Transportes aludía a un posible boicot e sinalaba que a subtracción de cobre "intencionada" non concordaba co alcance doutros roubos que cualificaba como ordinarios ou máis habituais. As queixas entre os usuarios eran constantes.

"Aquí estaba agardando o tren. Non pasaba, non pasaba. Fun para a parte de arriba e tampouco pasou e mesmo os autobuses tamén nada".
"Aquí esperando máis dunha hora. Parece que agora vai moverse".

Xa pola tarde, Junts e Esquerra Republicana pedíanlle á Xunta Electoral Central que alongase o horario de votacións mais aló das oito. En Barcelona, o transporte en xeral viviu momentos de colapso, como se exemplifica coas reas na parada de taxis, e algo semellante ocorría co servizo de autobuses. A situación foi mellorando nas últimas horas, pero a xornada electoral estivo definitivamente marcada polo caos no transporte de viaxeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade