Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Carne y arena', unha experiencia de realidade virtual en Santiago

'Carne y arena', unha experiencia de realidade virtual en Santiago

A peza, de González Iñárritu, permite vivir en carne propia o sufrimento dos migrantes que cruzan a fronteira de México cos EUA

G24.gal 07/06/2022 17:00 Última actualización 07/06/2022 17:13

Por primeira vez chega a España a oscarizada instalación de realidade virtual coa que o cineasta González Iñárritu explora o sufrimento dos migrantes no momento que cruzan a fronteira entre México e os Estados Unidos. Poderemos vivir esta experiencia, case real, na Cidade da Cultura. A peza de case 7 minutos é un dos pratos fortes do programa para celebrar o décimo aniversario do Museo Gaiás e tamén este Xacobeo 21-22. 

 "Imos sentir unha persecución de noite polo deserto, estaremos descalzos, estaremos sentindo a area, estaremos sentindo o frío do deserto, estaremos sentindo luces de persecución da policía, disparos, cans...",  asegura Ana Isabel Vázquez, directora xerente da fundación Cidade da Cultura.

E todo iso sen moverse dun cuarto. A proposta é unha experiencia realista e irreal a un tempo enmarcada dentro do universo da realidade virtual que recibiu un Óscar especial da Academia de Hollywood. O seu creador, o cineasta mexicano Alejandro González Iñárritu explora a condición humana dos migrantes e refuxiados. Estamos ante unha experiencia totalmente inmersiva non apta para todos os públicos.

 "Teñen que ser a partir de 14 anos, nin persoas que teñan problemas cardíacos ou algún tipo de epilépsia ou tampouco aconsellable para persoas con claustrofobia", afirma Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura.

Esta é unha das grandes apostas da programación do museo Gaiás e antesala dun ambicioso proxecto cultural que se está creando.

"Que é o Centro de Artes Dixitais, onde poidamos ter as mellores e máis avanzadas técnicas de creación e poidamos ser unha referencia tanto na creación, como na posta en marcha de proxectos culturais de base dixital", di Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.

'Carne y Arena' estará en Santiago do 1 de xullo ao 18 de setembro. As entradas limitadas a 75 persoas por día xa se poden adquirir dende hoxe. En total só 5.000 persoas poderán participar nesta experiencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade