Cartografan os fondos da costa coruñesa para coñecer o estado da poboación de cigala
Cartografan os fondos da costa coruñesa para coñecer o estado da poboación de cigala
A captura desta especie está vedada en Galicia desde 2017 e o Ministerio de Pesca quere comprobar se neste tempo o crustáceo se recuperou
Un barco do Ministerio de Pesca está rastreando estes días a costa entre Ferrol e Laxe para ver se nesas augas hai cigala, unha especie que Bruxelas prohibe pescar desde hai varios anos co argumento de que hai moi poucos exemplares.
Cun sonar, cartografan os fondos para ver se atopan as covas nas que viven as cigalas. O Emma Bardán leva varios días peiteando a costa coruñesa. E botará máis dun mes, ata mediados de agosto.
Non van á busca da cigala directamente, porque é unha área moi grande. Por iso, de momento, van á busca das zonas onde se dan as condicións para que viva, buscando covas en que habita a cigala. Despois, onde haxa covas, mirarán polo miúdo se hai marisco.
"Estamos intentado establecer a cartografía dunha área na que foron identificadas posiblemente cigalas e tentamos establecer o hábitat, as características principais do hábitat desta especie, pero primeiro temos que saber como é o fondo antes de poder baixar cun robot submarino", explica Araceli Muñoz, xefa científica da campaña.
O Emma Bardán vai facendo eitos para catografar os fondos. Unha liña de regos paralelos amosa o rumbo que seguiu fronte a Malpica. Cada día fai uns 200 quilómetros de percorrido.
Os científicos tamén recollen mostras dos fondos que logo analizan nos laboratorios para atopar indicios que indiquen se hai ou non cigalas.