Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro encapuchados armados rouban 4.000 euros en Vigo e queiman o coche en que fuxiron

Catro encapuchados armados rouban 4.000 euros en Vigo e queiman o coche en que fuxiron

Os empregados da tenda indicaron que todo pasou "moi rápido" e en menos de tres minutos os atracadores, que usaron escopetas recortadas, entraron e saíron co botín

"Entraron os tres xuntos, todos de negro, encapuchados e con luvas. Gritáronnos: 'Todos ao chan, é un atraco!'"

Unha cuarta persoa agardaba nun coche para escapar

G24.gal 13/09/2024 08:43

En Vigo, na parroquia de Beade, catro encapuchados asaltaron este xoves unha tenda de material de construción. Os asaltantes levaban armas de fogo coas que ameazaron o persoal do negocio para que lles entregasen os cartos. A policía busca xa os responsables do roubo, que levaron un botín duns 4.000 euros.

Os asaltantes fuxiron nun vehículo que posteriormente foi atopado totalmente calcinado nun monte próximo, en Bembrive. As imaxes das cámaras de seguridade poden ser fundamentais para atopar algunha pista que conduza á identificación dos responsables do roubo.

En menos de tres minutos

Os empregados da tenda indicaron que todo pasou "moi rápido" e que en menos de tres minutos os atracadores, que usaron escopetas recortadas, entraron e saíron co botín.

"Entraron os tres xuntos, todos de negro, encapuchados e con luvas. Gritáronnos: 'Todos ao chan, é un atraco!'. Estabamos impactados. Ao principio parecía unha broma", indicaron, explicando que dous dos homes quedaron na entrada do local e outro entrou á oficina onde estaban os responsables.

Alí, segundo engaden, solicitaron que abrisen a caixa forte e que metesen nunha bolsa todo o diñeiro. "Falaban correcto castelán, eran de aquí. Pero parecían aprendices. Estaban moi nerviosos, tremían. Incluso o que veu polo diñeiro apoiou a escopeta para agacharse a ver se había algo máis dentro da caixa forte. Iso sorprendeume", destacaron no local.

Asimesmo, indicaron que ningún traballador quedou ferido, a pesar de que nese momento había catro empregados e dous clientes. "Os que estaban noutra estancia nin se decataron", subliñaron. Tampouco se rexistraron danos. "levaron o diñeiro e fóronse moi rápido", sentenciaron.

Dáse a casualidade de que o mesmo local xa sufriu un atraco hai varios anos e os ladróns tamén levaron o diñeiro recadado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade