Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro radares de Galicia, entre os 50 que máis multan de España

Catro radares de Galicia, entre os 50 que máis multan de España

A cifra de multas por exceso de velocidade disparouse en máis dun 21 por cento en 2022 con relación ao exercicio de 2021

A meirande parte das sancións tiveron lugar en autoestradas e autovías en que hai menos sinistralidade ca nas vías secundarias

Os radares da DXT realizaron catro millóns de denuncias en toda España Os radares da DXT realizaron catro millóns de denuncias en toda España
G24.gal 18/05/2023 17:27

A listaxe de 50 radares fixos e de tramo que impuxeron máis multas en España o ano pasado inclúe catro situados en Galicia: dous na A-55 ao seu paso por Mos (Pontevedra), un na A-8 entre Abadín e Mondoñedo (Lugo) e outro na AC-11, na Coruña cidade.

De acordo coa listaxe publicada este xoves pola organización de defensa dos condutores Automovilistas Europeos Asociados (AEA), un dos da A-55 é o oitavo dispositivo de toda España en número de denuncias, con 42.366 en todo 2022.

En concreto, é o que está situado no quilómetro 9,19 desta vía, en Mos. O segundo radar máis multón de Galicia ocupa a posición 32.ª na clasificación española e está neste mesmo municipio e nesta mesma estrada, no quilómetro 11,7. O ano pasado impuxo 17.751 infraccións.

O terceiro, número 35 estatal, que máis denuncias puxo na comunidade autónoma galega, con 16.352, foi o radar de tramo instalado no quilómetro 545,1 da A-8, entre os municipios lucenses de Abadín e Mondoñedo.  

Finalmente, o cuarto dispositivo máis multón de Galicia, posición 37.ª de España, é o situado na Avenida Alfonso Molina da Coruña (AC-11, quilómetro 3), con 15.644 infraccións detectadas.

Catro millóns de denuncias

En total, en todo 2022 máis de 1.000 radares da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) formularon case catro millóns de denuncias en España, o cal supón un incremento do 21,2 % respecto ao ano 2021, segundo revela un estudo realizado pola organización AEA.  

Neste sentido, o estudo constata que os radares máis activos se localizaron en Andalucía, con 953.422 denuncias formuladas (o 25,7 % do total), seguida pola Comunidade Valenciana, con 447.470 (12 %) e Castela e León, con 427.448 (11,5 %), mentres que os radares situados na Rioxa (39.757), Navarra (83.231) e Asturias (83.993) son os que menos denuncias contabilizaron.

En concreto, o radar máis activo de España, que o ano pasado non se atopaba entre os 50 máis activos, sitúase no quilómetro 74,7 da A-381, á saída do túnel de Valdeinfierno, no termo municipal de Los Barrios (Cádiz), cunha marca de 79.258 denuncias.

O estudo tamén destaca que só 50 radares dos máis de 1.000 de que dispón a DXT formularon o 28 % do total de denuncias (1.036.054) e que, deles, 33 xa aparecían na clasificación de cinemómetros máis activos do ano anterior.

Doutra banda, a AEA advertiu sobre os radares que incrementaron "exponencialmente" a súa actividade e puxo como exemplo o radar situado no quilómetro 37 da A-381, (Autovía Xerez-Los Barrios) no termo municipal de Alcala de los Gazules (Cádiz), que pasou de formular 17.666 denuncias en 2021 a 68.321 en 2022.

Mentres, os radares situados no quilómetro 53 da M-40, en Madrid, e no quilómetro 42,2 da GC-1, nas Palmas de Gran Canaria, experimentaron subidas de máis dun 200 % e dun 100 % respectivamente.

Segundo Mario Arnaldo: "A DXT debería reformular a súa política de radares, xa que non se está conseguindo o obxectivo de evitar os excesos de velocidade nin os accidentes, e converte os radares en meros instrumentos de recadación".

A meirande parte das denuncias formuladas son "maioritariamente" en autoestradas e autovías e non nas estradas secundarias, onde se producen o 70 por cento dos accidentes con vítimas. Así o detalla o informe que acaba de facer público a AEA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade