Centos de gandeiros galegos pedirán en Madrid a suba do prezo da carne
Centos de gandeiros galegos pedirán en Madrid a suba do prezo da carne
Aseguran que é máis baixo que hai quince anos
Reivindican o peso do sector primario na economía
Asociacións galegas de gandeiros e produtores lácteos como Agromullara ou Gandeiros Galegos da Suprema confirmaron que acudirán este domingo á manifestación de Madrid. O presidente deste último colectivo, Santiago Rego, aseguraba esta mañá nos micrófonos da Radio Galega que a situación que atravesan moitas explotacións é crítica.
"Agardamos que dunha vez por todas se escoite o sector primario. Estamos nun momento crítico no que a día de hoxe as explotacións non son viables. Pedimos que se reconsidere que o sector primario é un motor importante na economía".
Rego sinalou que a situación de dificultade chega ata o punto de que algunhas explotacións teñen que recorrer a axudas económicas de familiares para poder subsistir.
"Nós non somos como outros negocios que ante dificultades poden botar o peche; nós temos que seguir alimentando os animais e se unha explotación pecha xa é moi difícil que volva abrir".
O principal problema, segundo Santiago Rego, é o incremento dos custos de produción. Materias primas, gasóleo, electricidade, fertilizantes, "multiplicouse todo o 200 por cento", sinala, "mentres que o que nós producimos se dividiu: hai 30 anos vendíase máis caro. Antes un quilo de carne vendíase a 1.200 pesetas e agora a 800".
Rego tamén se amosou crítico co labor do Goberno central, en especial coas declaracións do ministro de Consumo Alberto Garzón, das que opina que "non axudan en nada ao sector, crean incerteza e confusión entre os consumidores". E conclúe: "Leva tempo nunha campaña contra a gandería e non entendemos ese ataque".