Chamamento en Poio para localizar o chapeu do pallaso Rudi Dudi
Chamamento en Poio para localizar o chapeu do pallaso Rudi Dudi
Roubáronllo do coche xunto cun equipo de son e máis roupa de traballo
O chapeu, laranxa e de feltro, ten moito valor sentimental para o artista
Deixáronlle os pantalóns e os zapatos, pero os ladróns leváronlle a Rudi a peza máis querida do seu uniforme de pallaso.
"Despois de buscar moito, veu dunha compañía de Milán que descubrín que os facía. É un chapeu fungo laranxa, cunha cinta violeta que ía perfecto co meu uniforme", di Rudi.
Tal e como denunciou ante a Policía Local de Poio, o pasado xoves entráronlle no coche e roubáronlle o equipo de son, dúas saias escocesas e o chapeu. O valor económico do botín é duns 600 euros, pero o valor sentimental, di, é incalculable, sobre todo o do sombreiro, onde recibía en forma de moeda a calor do seu público.
"Non é so un depósito onde poñer os cartos ao remate da actuación, acumula tamén o aprecio da xente. O sombreiro carga coa enerxía e o amor dos que veñen ver o espectáculo", engade o pallaso.
Polo momento logrou recuperar o baúl que contiña o equipo de son. Unha veciña atopouno baleiro entre as silvas. Agora agarda recuperar tamén o seu querido sombreiro, cunha mensaxe para o ladrón.
"Agardo que sexa ben parvo é que o poña aquí agora que todo o mundo sabe a historia. Ou mellor que o devolva na porta da miña casa ou cerca", pide Rudi.
Malia o susto inicial polo roubo, Rudi amósase moi agradecido ante a empatía que nota por parte da veciñanza, a policía e nas redes sociais, onde se está a viralizar a súa particular busca.