Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chega o tempo da sardiña

Chega o tempo da sardiña

Os vendedores do mercado afirman que está a ter moita saída pola boa relación prezo calidade

G24.gal 17/06/2022 13:50

A sardiña, o produto estrela da festa de San Xoán, comeza a inundar os mercados. No da praza de Lugo, na Coruña, as vendas van subindo a medida que se aproxima esa data e este ano, aseguran os vendedores, está saíndo moi boa.  

"Por agora hai bastante, está saíndo moi boa, con graxiña. Levamos dous meses con ela porque a auga xa está quentiña, a do mar, e está chea de graxiña", aseguran.

"Si, desde que empezou a campaña a xente está animada, ademais que lle gusta, non ten a graxa que pode ter no mes de xullo, pero para a grella está boísima", din os praceiros.

De feito hoxe eran xa moitos os clientes que estaban a mercar sardiña, quentando motores para o San Xoán.

"A sardiña está moi rica, xa a comín varias veces... estabamos falando aínda aquí da sardiña, riquísima". "Está moi ben, moi boa, agora está no tempo de comela". "Si, estou mercando sardiña para comer hoxe e está a bo prezo, xa a comín hai dúas fins de semana e estaba boa, supoño que hoxe estará mellor", afirman os compradores.

O prezo oscila hoxe entre os 4 e os 6 euros, así que os vendedores do mercado afirman que a relación prezo calidade é de momento excelente. "Hoxe está a catro euros e vivísima, esperemos que siga así en San Xoán". "A sardiña vai a seis euros e está riquísima, eu xa a comín dúas semanas nas fins de semana e están moi boas, e están moi ben de prezo, e no San Xoán, xa veremos a ver...", sinalan as vendedoras.

Que se manteña a mesma tendencia, din, depende do tempo que faga, da cantidade de sardiña que chegue ao mercado e da demanda que haxa de aquí ao San Xoán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade