Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chegan restos de fuel á Illa de Arousa e investigan se procede dun barco retido en Vigo

Chegan restos de fuel á Illa de Arousa e investigan se procede dun barco retido en Vigo

O portacolectores Wec Vermeer alertou o domingo dunha fuga de fuel a seis millas das Ons

O buque quedou retido no porto de Vigo baixo fianza de 230.000 euros

Operarios municipais limpan o chapapote na praia do Chazo
G24.gal 14/12/2022 14:28

Irisacións na auga, cheiro a combustible e galletas de chapapote mesturadas coas algas. Foron os primeiros síntomas da chegada fuel á Illa de Arousa, e os que fixeron saltar as alarmas. 

"Utilizouse o dron para ver que zonas estaban afectadas" explica o vixilante da confraría, José Ángel Santos. E detectaron contaminación en Testos, no peirao do Campo e no Regueiro, tres areais do litoral sur da Illa. Segundo di, ademais do fuel apareceron animais mortos, aves e peixes.

Aproveitando a baixamar, puxéronse mans á obra para sacar o chapapote das praias. Un dos traballadores municipais, José Luis Torrado, calcula que nunha soa xornada retiraron arredor de vinte mil quilos de algas con galletas de chapapote. 

Pero a marea volveu arrastrar restos aos areais da zona sur. "Estaba limpo, e hoxe xa ves. E hai galletas no medio" di a presidenta da OPP-20, Inma Rodríguez.  "O noso medo é que os fondos estean así", engade. 

A preocupación é o marisco. Ata que veña unha boa seca non poderán avaliar o alcance dos danos, pero xa temen pola campaña. "Estas praias xa non podemos vir traballar nelas, e estamos na campaña de Nadal" explica Rodríguez. 

Segundo conta, ten noticia de que o fuel está chegando a outras praias, e preocupa a zona norte da Illa, a que cría máis ameixa. "Se chega alí, iso si que sería unha catástrofe", di a mariscadora. 

Capitanía Marítima xa ten mostras de chapapote para analizar, e ver se efectivamente o residuo vén do buque que avisou dunha vertedura de 150 litros de fuel o domingo a seis millas de Ons. Trátase do Wec Vermeer, de bandeira chipriota, que permanece retido no porto de Vigo. Ten que depositar unha fianza de 230.000 euros para facer fronte aos custos e sancións que puidera orixinar.

Dende a confraría da Illa xa advirten que, de demostrarse que o chapapote procede dese buque, presentaranse como acusación para reclamar compensacións polos danos que rexistren.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade