Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comerciantes de Cacheiras, en Teo, reclaman máis prazas públicas de aparcadoiro

Comerciantes de Cacheiras, en Teo, reclaman máis prazas públicas de aparcadoiro

Os afectados manifestan que levan co pedimento ao Concello varios anos

Imaxe de Cacheiras, no concello de Teo, este mércores
G24.gal 01/02/2023 14:06

O espazo para aparcar é fundamental na marcha de negocios situados, como no caso de Cacheiras, á beira dunha estrada de moito tránsito de coches en relación con Santiago. Aquí escasea. E por iso comerciantes deste lugar do concello de Teo piden accións como a reorganización da sinalización horizontal na calzada da comarcal ou un recorte na beiravía para gañar algunha praza que propicie a parada da clientela.

Francisco Mourón, propietario da ferraxería agrícola O Cravo, di que lle propuxeron "ao Concello facer un pequeno investimento para reestruturar a calzada e a beirarrúa, pero non hai contestación".

Engade que levan co pedimento ao Concello varios anos. Pero a situación, lonxe de mellorar, pode empeorar, segundo as previsións da Xunta dentro da reforma desta estrada para organizar as paradas de bus interurbano.

"Comunicáronnos que ían suprimir sobre vinte prazas de aparcadoiro. Se isto estaba mal, quedamos condenados ao peche", sinala Mourón.

O representante dos empresarios di que levan moitos anos coa reclamación ante o Concello e incide en que as prazas actuais xa son insuficiente e fan falta máis aparcadoiros. 

"O que reclamamos é que haxa máis espazo de aparcadoiro público para que á xente lle resulte máis doado trasladarse aquí, ou ben, unha solución viable como aparcadoiro colectivo conectado con transporte público con moita frecuencia. Estamos en contacto con todos os grupos do Concello e todos están en disposición de axudarnos, pero tarda moito en chegar a solución", explica Alexander Dubra, presidente da Asociación de empresarios de Teo.

O plan da Administración autonómica sobre a remodelación de paradas de autobús preocupa dun xeito especial na actividade empresarial en Pontevea, porque se prevé a expropiación de parte do terreo da gasolineira para instalar unha marquesiña. Na empresa afectada traballan nas alegacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade