Comesaña: "Os orzamentos para 2024 son históricos pese a quen lle pese"
Comesaña: "Os orzamentos para 2024 son históricos pese a quen lle pese"
A Consellería de Educación reforza a aposta pola FP nas contas do vindeiro ano
A semana que vén comezan as comparecencias nas comisións parlamentarias
A semana que vén comezan as comparecencias dos conselleiros nas comisións parlamentarias correspondentes para explicar os seus proxectos para o 2024.
O titular de Sanidade, Xulio García Comesaña, lembra que a súa consellería recibirá a contía máis importante dos orzamentos da Xunta: 5.190 millóns de euros, que se van destinar a mellorar as condicións dos profesionais, a renovar infraestruturas e a investir en fármacos e terapias.
"Este é o resumo dos orzamentos de 2024, históricos, mal que lles pese a algúns, e que van facer que a sanidade galega sexa unha das mellores de todo o Estado".
O conselleiro de Educación tamén está satisfeito polos case 3.000 millóns de euros destinados ao seu departamento. Román Rodríguez considera que responden ás necesidades do sistema educativo e que están pensados para o futuro.
"Un incremento practicamente do 50 por cento no ámbito da FP en resposta á aposta da Xunta por esta modalidade educativa, temos tamén o maior orzamento da historia, por riba dos 500 millóns, que se van transferir ás universidades".
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará os algo máis de 300 millóns de euros a crear parques empresariais, á recuperación de espazos degradados e sobre todo á vivenda pública.
"Neste momento dispoñemos de 3.800 vivendas públicas en réxime de alugueiro e o orzamento e o esforzo van destinados a conseguir que no ano 2027 teñamos 1.800 vivendas a maiores".
E finalmente, os 500 millóns con que contará a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinaranse, segundo a titular do departamento, á mellora das diferentes vías de comunicación, o transporte público, ás estacións intermodais e para darlle un pulo ao saneamento das rías.
"Polo tanto, 500 millóns de euros para ese triplo obxectivo de mobilidade sostible, vertebración territorial e mellora da calidade das nosas augas".