Comeza a temporada de pesca fluvial para máis de 44.000 pescadores galegos
Comeza a temporada de pesca fluvial para máis de 44.000 pescadores galegos
A troita pode pescarse desde este domingo nos ríos galegos
A temporada do salmón e do reo comezará o 1 de maio
Comeza a temporada de pesca e Pepe volve ao río a onde leva indo desde neno. Cada comezo de temporada víveo coa mesma ilusión.
"Xa desde onte preparando a ferramenta e hoxe madruguei. Xa sei onde pode picar unha troita, o que pasa é que hai veces que… as troitas son moi listas, pero ao final acaban caendo", explica Pepe Guzmán.
Máis de 44.000 pescadores comezaban este domingo a temporada da troita. Despois de meses esperando, notábase a ansia de volver coa cana ao río.
"Xa son moitos meses sen pescar", di un pescador.
En apenas unhas horas, xa estaban no cesto as primeiras troitas da temporada. Pero non todos comparten a mesma sorte.
"Non me podo queixar, eu xa levo media cota, xa levo tres troitas, nos tempos que corren tampouco é para desprezar", di Pepe Guzmán.
"Ninguén pesca nada, non está día para pescar", di outro pescador.
Os pescadores din que a falta de chuvia deste inverno pode ser unha das causas.
"Estabamos dicindo: 'Non chove nada, non vai haber troitas', e poder ser, porque houbo moita seca. Agora choveu algo a última hora, pero tampouco é moito".
Desde a Federación Galega de Pesca din que a xornada transcorreu bastante ben en todos os coutos e agardan que se repita a boa temporada do ano pasado.
Tras a troita, será a quenda do salmón e do reo, que se poderán pescar a partir do 1 de maio.