Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza a veda da centola logo dunha campaña récord

Comeza a veda da centola logo dunha campaña récord

Facturáronse 700 toneladas por valor de 6 millóns de euros, 200 toneladas máis que en 2019

G24.gal 23/06/2022 20:08

As últimas centolas da temporada chegaron esta tarde ás lonxas. Na costa cantábrica a prohibición das capturas empezará o vindeiro 2 de xullo, pero no litoral das provincias da Coruña e de Pontevedra o sábado comeza a veda deste crustáceo que acaba de completar unha campaña histórica. 

O sector cualifica de histórica esta temporada por volume de capturas e por valor económico. Desde o pasado mes de novembro, cando comezou a campaña que agora remata, nas lonxas galegas vendéronse 700 toneladas desta especie por importe de máis de seis millóns de euros.

O dato é moi relevante xa que foron 50 máis que o verán pasado e 200 por riba do rexistro do ano vinte. 

Ata comezos do vindeiro mes de novembro non se volverá repetir esa imaxe nas lonxas da Coruña e de Pontevedra. Porque se trata da derradeira poxa da temporada, son ben poucas as centolas que chegan ao mostrador da lonxa.

As capturas escasean nesta altura e os mariñeiros aproveitan o epílogo para cambiaren de artes de pesca. Pero a campaña foi a mellor en anos. 

Do total de 6 millóns de euros facturados nesta campaña, 1,3 vendéronse na lonxa do Grove, que conta cunha marca propia que atrae compradores de toda Galicia. 

No Cantábrico a veda comezará o 2 de xullo. Só nos peiraos do norte e nos días que restan haberá oportunidade de adquirir centola galega ata o outono próximo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade