Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza con escolta policial a recollida de lixo na Coruña tras un mes de folga

A Policía Local escolta un dos vehículos para a recollida de lixo na Coruña, este xoves durante a emerxencia sanitaria (TVG).
G24.gal 25/07/2024 12:44

A empresa Valoriza, á que o Concello da Coruña contratou para recoller o lixo durante a situación de emerxencia sanitaria, iniciou os seus labores en varias rúas da cidade e os seus camións van acompañados de escolta policial.

Cinco vehículos de Valoriza xa empezaron a retirar lixo en puntos especialmente sensibles, como nas proximidades dos centros sanitarios, e en puntos críticos de insalubridade nos que se acumularon os residuos durante as últimas semanas. A empresa reforza a recollida de lixo con 13 vehículos e 32 operarios desde este xoves, festivo en Galicia.

Así o comunicou o Concello despois de celebrarse a comisión de seguimento da emerxencia sanitaria composta pola alcaldesa, Inés Rey, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, a edil de Seguridade Cidadá e Interior, Montserrat Paz, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, ademais de técnicos municipais das diferentes áreas.

Ademais, esta comisión fixo balance das incidencias producidas nas últimas horas, destacando o incendio dun contedor de papel na rúa San Rosendo coa Avenida dos Mallos, ás 02:20 horas, e que afectou parcialmente a un vehículo e á fachada dun herbolario. Así mesmo, ás 05:03 horas tamén se produciron varios incendios en contedores da Avenida Finisterre 183 -en que tiveron que intervir os bombeiros-, 186 e 193.

En canto ás porcentaxes de recollida de lixo, o máis elevado rexístrase no barrio da Peixería (95 %), seguido dos Mallos (45 %), de Mesoiro-Feáns-Valaire (35 %) e de Ventorrillo-Agra do Orzán (30 %). Mentres, segundo o consistorio municipal, en Cidade Vella a porcentaxe de lixo recollido é do 20 %; nos Rosales-Labañou, Estadio, Sardiñeira-Elviña e Matogrande-Eirís, do 15 %; en Montealto, Sagrada Familia e Castrillón, do 10 %; e nos Castros, do 5 %.

A folga comezou o 24 de xuño

O persoal da recollida de lixo está en folga desde o pasado día 24 de xuño para esixir á empresa, Prezero, que cumpra o prego de condicións e o convenio colectivo.

Os paros son intermitentes, pero na práctica son diarios porque o servizo non funciona con normalidade e hai contedores sen recoller, en especial os de vidro e cartón.

Prezero, pola súa parte, suspendeu de emprego e soldo 39 traballadores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade