Comeza en Vigo o xuízo contra o acusado da morte dun home de 69 anos no seu piso da rúa Areal
Comeza en Vigo o xuízo contra o acusado da morte dun home de 69 anos no seu piso da rúa Areal
A Fiscalía solicita ata once anos e medio de cárcere por un delito de homicidio e un delito continuado de estafa
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará a partir deste luns o mozo que supostamente matou a un home de 69 anos na súa vivenda, situada na rúa Areal da cidade viguesa.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 5 de Vigo e, para o home, a Fiscalía solicita ata once anos e medio de cárcere por un delito de homicidio e un delito continuado de estafa. O xuízo comezará este luns coa elección do xurado popular e prolongarase durante toda a semana.
Segundo o escrito do Ministerio Público, todo comezou o 28 de decembro de 2021, cando o acusado solicitou telefonicamente a unha entidade bancaria dúas tarxetas móbiles asociadas á conta do falecido e realizou a partir de aí distintos pagamentos esa noite nunha discoteca. "Nun momento non concretado, pero comprendido entre as 20:30 horas do 28 de decembro e as 18:00 horas do 29 de decembro, encontrádose o acusado en compañía do falecido, no salón do domicilio deste último (...), con ánimo de causarlle a morte, golpeouno fortemente en varias ocasións cunhas bólas decorativas de mármore que alí había, na cabeza e na cara, ata que como consecuencia dos golpes caeu conmocionado ao chan, onde cun coitelo de cociña de folla plana (...) e para rematalo lle propinou un total de 21 coiteladas, na cabeza, cara, pescozo, zona cervical e tórax", recolle Fiscalía.
Na madrugada do 29 de decembro, cando xa era posible que o home estivese morto, "pero sen existir completa certeza diso", o acusado, de 21 anos no momento dos feitos, usou as súas tarxetas de novo na mesma discoteca. Días posteriores, realizou varias operacións, debido a que subtraera as chaves, o documento de identidade, a tarxeta sanitaria, o móbil e varias tarxetas da vítima.
En total, ata o 4 de xaneiro de 2022, o acusado detraeu da conta bancaria do falecido máis de 17.400 euros, dos cales máis de 17.200 foron retirados tras producirse "con total seguridade" a morte da vítima. Por todo iso, Fiscalía solicita dez anos e medio de cárcere polo delito de homicidio e un ano de prisión polo de estafa. Así, ten en conta a atenuante de reparación do dano, despois de que o mozo indemnizase a irmá e herdeira da vítima con case 22.000 euros e con máis de 16.400 euros o outro irmán e renunciasen estes a accións civís.