Comeza o ensilado do millo que alimentará o gando durante todo o ano
Comeza o ensilado do millo que alimentará o gando durante todo o ano
Galicia supera por primeira vez as 70.000 hectáreas sementadas deste cereal forraxeiro
A campaña prevese moi boa na provincia da Coruña e no centro de Lugo, pero non tanto na Mariña ou no Deza
Desde esta semana tractores e colleitadoras non paran polas corredoiras galegas. E é que xa chegou, e con algo de adianto, o tempo de recoller e ensilar o millo, o principal alimento durante todo o ano para as vacas, especialmente as de leite.
O millo forraxeiro en Galicia é o cultivo anual máis importante da nosa comunidade, tanto en superficie coma en rendemento. Comeza uns 15 días antes do que sería habitual nun ano normal. As perspectivas de produción non son iguais en todas as comarcas galegas.
A gandería O Carrizal, de Coristanco, sementou unhas 135 hectáreas de millo, nun ano en que Galicia, con máis de 70.000 hectáreas, bateu a súa marca de implantación deste cultivo.
"Este é o primeiro ano que se declaran en Galicia máis de 70.000 hectáreas de millo na comunidade, polo tanto debemos resaltar a importancia que ten este cultivo para as ganderías de Galicia, da comunidade", conta Marcos García, asesor técnico de cultivos de Bayer Dekalb.
Despois de varios anos tocados pola seca, nesta explotación de Coristanco, como en xeral na provincia da Coruña e no centro de Lugo, as previsións son dunha boa colleita, pero non é igual en toda Galicia:
"Na zona da Mariña ou en varios concellos do Deza as expectativas non son tan boas. A cantidade de auga que choveu nesas zonas indícanos que imos ter unhas producións non tan boas como as esperadas e unha calidade de forraxe tamén menor da esperada", explica Marcos García.
E co millo picado chega o momento de metelo no silo e pisalo ben para que non queden bolsas de aire e se conserve. Na gandería O Carrizal están contentos co rendemento que están a acadar este ano. "Empezamos a ensilar o luns pola tarde e os resultados do que levamos recollido son moi bos, cunha media de entre 50 e 55.000 quilos por hectárea", di Rafael Amarelle, xerente da explotación.
Con 450 cabezas de gando, este millo significará máis da metade da ración que comerán as súas vacas durante o ano: "A ración fundamental componse de 35 quilos de millo, 7 quilos de silo de herba e 14 quilos de concentrado, para a ración de vacas de alta produción", relata Amarelle.
Con eses 15 días de adianto na campaña deste ano, o ensilado do millo prevese que se estenda ata outubro.