Conservas Cerqueira inaugura a súa nova fábrica en Rianxo
Conservas Cerqueira inaugura a súa nova fábrica en Rianxo
Supuxo un investimento de 28 millóns de euros
Diego Calvo salienta a aposta por novas tecnoloxías respectuosas co medio ambiente
A nova factoría de Conservas Cerqueira levántase no polígono de Té, en Rianxo. A fábrica, de 18.000 metros cadrados, substitúe a que ata xaneiro tiñan en Ribeira. Dá traballo a 100 persoas, un cadro de persoal que prevén elevar ata as 250.
A nova factoría supuxo un investimento de 28 millóns de euros. Deles, a Xunta achegou 12, parte das axudas previstas no Plan Estratéxico da Industria Conserveira 2022-2030.
"Contamos cunha importante mobilización de recursos para materializar ese valor engadido que pretendemos xerar con este plan, 135 millóns desde 2022 en apoio do sector transformador", salientou Diego Calvo, vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia.
Coa nova factoría, Cerqueira, matriz de marcas como Pay Pay, espera consolidar a súa posición dentro das 20 primeiras conserveiras españolas, un sector en que Galicia representa o 75 % das exportacións nacionais.