Constituído o Parlamento da XII lexislatura: Santalices repite como presidente
Constituído o Parlamento da XII lexislatura: Santalices repite como presidente
O BNG decide finalmente ceder ao PSdeG un posto na Mesa do Parlamento
Santalices (PPdeG) anuncia que é súa "última" toma de posesión como presidente e fai unha alegación pola "paz mundial"
Ethel Vázquez (PPdeG) e Patricia Iglesias (PSdeG) estréanse na Mesa do Parlamento
Os 75 deputados e deputadas tomaron posesión dos seus escanos
Besteiro (PSdeG) comprométese a ser a "voz de todos os galegos" e Pontón (BNG) pide que se "escoite á oposición"
O Parlamento de Galicia elixiu como presidente o deputado popular Miguel Santalices, que ocupará este cargo por terceira lexislatura consecutiva, sen ningunha sorpresa na votación, en que contou co apoio dos 40 deputados do seu partido e os votos en branco de BNG e PSdeG.
Santalices (PPdeG) anuncia que é súa "última" toma de posesión como presidente e fai unha alegación pola "paz mundial"
Santalices expresou o seu desexo de lograr que se estableza "a paz mundial e acabar con todas as guerras", antes de dar por constituída a cámara autonómica na súa XII lexislatura.
Cando fai xusto un mes das eleccións do 18 de febreiro, en que o PPdeG conseguiu a súa quinta maioría absoluta consecutiva, Santalices manifestou na súa intervención que esta será a súa "última" toma de posesión como presidente, tras oito lexislaturas como deputado, e asegurou que este desexo da paz mundial é o que lle gustaría que se cumprise "se tivese ese poder".
Santalices expresou tamén un "desexo para todos" os deputados de "estar á altura da confianza que a xente depositou en nós co seu voto", unha obxectivo para o que reclamou a colaboración de cada un deles.
Pediulles, ademais, "enterrar definitivamente" o destino que o seu pai lle augurou cando entrou en política, que é que "todos os defectos que tes vanchos airear e facer públicos". Así que, "a ver se somos capaces de non darlle a razón ao meu pai", instou, para evitar "iso que tanto dano nos fai, sobre todo a nós mesmos".
Ethel Vázquez (PPdG) e Patricia Iglesias (PSdG) estréanse na Mesa do Parlamento
Na Mesa do Parlamento, Santalices estará acompañado polas deputadas do PPdeG Elena Candia, que repite como vicepresidenta primeira, e Ethel Vázquez, como secretaria, un cargo en que se estrea tras ser nas anteriores lexislaturas conselleira de Infraestruturas. Ambas as dúas recibiron o apoio dos 40 deputados do seu partido.
A parlamentaria do BNG Montse Prado foi elixida novamente como vicepresidenta segunda da cámara galega, con 34 votos, xa que contou co apoio dos 25 do seu partido e os 9 dos deputados socialistas.
O PSdeG estará representado por Patricia Iglesias, elixida como vicesecretaria tamén por 34 votos, tras ceder o BNG aos socialistas este posto, que correspondería aos nacionalistas polo seu número de deputados.
O deputado de Democracia Ourensana votouse a si mesmo
Ademais, o novo deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea -que constitúe o grupo mixto, inexistente na anterior lexislatura- conseguiu un voto en cada unha das votacións, en que presuntamente se votou a si mesmo.
Antes das tres votacións para a elección destes postos, que se realizaron en urna como é habitual, a sesión constitutiva do Parlamento de Galicia iniciouse ás once da mañá coa configuración da mesa de idade, presidida polo parlamentario popular José Manuel Mato Díaz, por ser o maior de todos os deputados.
Estivo acompañado polos máis novos do hemiciclo Rubén Santamaría González (PPdeG) e Iago Suárez Fernández (BNG) -quen lucía unha bufanda palestina ao pescozo- como secretarios. Os tres estréanse no Parlamento para esta XII lexislatura.
Toma de posesión dos 75 escanos
Tras a elección da Mesa e os aplausos e saúdos especiais do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, con Santalices e Ethel Vázquez, que sae do executivo autonómico, procedeuse á prestación de promesa e xuramento para tomar posesión oficial do escano e converterse, así, en deputados de pleno dereito.
Como é tradición, os parlamentarios do BNG tomaron posesión dos seus cargos sobre a obra de Castelao Sempre en Galiza (con edicións variadas) e un caravel, así como usaron a fórmula de promesa "por imperativo legal" e deron o seu "compromiso para defender os intereses e dereitos nacionais e sociais do pobo galego".
Todos os deputados do BNG e PSOE prometeron os seus cargos, mentres que entre os 40 do PPdeG houbo maioría de xuramentos, salvo oito, dos cales tres son conselleiros en funcións: Diego Calvo (vicepresidente primeiro e titular da Presidencia), Julio García Comesaña (Sanidade) e Alfonso Villares (Mar).
Besteiro comprométese a ser a voz de todos os galegos e Pontón pide que se "escoite á oposición"
O responsable do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, estreouse este luns como deputado no Parlamento galego e garantiu unha oposición “firme, responsable e construtiva” na que fará de “voz de todos os galegos”.
A súa intención, segundo avanzou, é levar a cabo unha oposición “con ambición de país” que dea “voz a todas as galegas e galegos sen deixar a ninguén atrás”.
Besteiro puxo en valor o entendemento entre os dous grupos maioritarios da oposición, BNG e PSdeG, xa que a pluralidade é “boa para todos”, así como para o “funcionamento” da institución e da “imaxe que trasladamos á cidadanía”.
A líder da oposición, Ana Pontón, considerou que esta lexislatura será “moi importante” en Galicia polo que pediu ao partido maioritario que, ao longo dos próximos anos, “escoite á oposición” e “non pase o rodete” como afixo na anterior etapa.
De feito, instou aos populares a que cambien de actitude respecto a os anteriores mandatos e “non confundan” a súa maioría absoluta con “o absolutismo" porque o PPdeG “faría mal en non querer escoitar a toda esa cidadanía” que optou por outras forzas políticas.