Continúa a busca do home de 56 anos desaparecido na Cañiza dende o mércores
Continúa a busca do home de 56 anos desaparecido na Cañiza dende o mércores
Varias patrullas da Garda Civil traballaron con cans adestrados e drons para tentar dar co seu paradoiro
Manuel Álvarez Casal foi visto por última vez o martes, nunha recta das Touzosas de Valeixe, na Cañiza. Dende o mércores comezou a súa busca que continúa nesta zona pero tamén nun radio moito máis amplo duns catro quilómetros.
Hai zonas de monte moi abruptas, con varios ríos e minas de auga que fai máis complicado un labor no que participan decenas de veciños e veciñas, amais de familiares. Organizados en grupos rastrexan un perímetro cada vez máis amplo.
A iso hai que sumarlle os medios da Garda Civil. Na mañá deste domingo estiveron traballando varias patrullas con cans adestrados para atopar persoas vivas. Tamén para ter unha visión máis completa das zonas, achegaron drons para localizar a Manuel.
O dispositivo de momento non deu resultado. Manuel, que ten catro fillas, continúa en paradoiro descoñecido. Ninguén da familia quixo facer declaracións. Agora todos os esforzos céntranse en atopar o home, de 56 anos, de metro setenta e de complexión delgada.