Continúa a busca do octoxenario desaparecido en Abadín
Continúa a busca do octoxenario desaparecido en Abadín
A Garda Civil coordina o dispositivo, en que participan medios aéreos e cans de rastrexo
Continúa a busca de Enrique Bolívar Díaz Pardo, o home de 82 anos desaparecido no concello chairego de Abadín. O octoxenario, de pel e ollos claros e con lentes, foi visto por última vez o domingo pasado na parroquia de Quende, onde vive só nunha casa do lugar de Fontepresa.
No dispositivo participan máis de medio cento de persoas, entre os que figuran axentes, cans de rastrexo e mais un helicóptero da Garda Civil. Tamén colaboran os drons da Axencia Galega de Emerxencias, ademais de efectivos de Protección Civil e veciños.
"Vaise buscando dende o domicilio da persoa, abrindo o círculo. En principio traballamos nunha zona entre 500 metros e un quilómetro arredor da vivenda. Hoxe vaise ampliar a dúas zonas novas, por Sasdónigas e pola parte alta da N-634", di Aitor López, axente da Garda Civil.
Segundo os residentes na zona, o ancián desaparecido goza de boa saúde. Así e todo, non se descarta que se desorientase camiño da casa. E malia o amplo dispositivo de busca, polo momento non se deu con pista ningunha que axude a dar co seu paradoiro.