Publicador de contidos
Publicador de contidos

Miguel Ángel García, corenta anos á fronte da estación meteorolóxica do Carballiño

Miguel Ángel García, corenta anos á fronte da estación meteorolóxica do Carballiño

Este profesor xubilado, premio Nacional de Meteoroloxía en 2018, iniciou en 1984 a recollida de datos 

G24.gal 25/01/2024 21:32

Miguel Ángel García é un profesor xubilado do Carballiño e o encargado de comunicarlle diariamente a AEMET os datos meteorolóxicos da súa localidade. Un labor que realiza de xeito altruísta dende hai xa corenta anos e que lle valeu no 2018 o Premio Nacional de Meteoroloxía.

Foi aló polo 1984 que Miguel decidiu pór en marcha no instituto do Carballiño no que era profesor de Física unha nova actividade extraescolar para os seus alumnos: unha estación meteorolóxica

"Nós mesmos nos talleres fixemos algún aparato como un pluviómetro, un anemómetro, pero claro non eran aparatos homologados os que nós fixemos con moito agarimo e os rapaces moi ilusionados. Pero non estaban homologados para medir as variables que eu pretendía que serviran para algo, para comparar cos datos que se recollían noutras estacións homologadas do servizo meteorolóxico", lembra Miguel García.

E por iso deu un paso máis; conseguir unha estación homologada, chamando directamente o que era daquela o director da sede galega do instituto nacional de meteoroloxía.  

"Díxome: e quen vai ir recoller os datos os meses de verán, as fins de semana, o Nadal? eu díxenlle: ben, se me mandas unha estación meteorolóxica eu comprométome a vir. E aquí estou".

E pasaron dende aquela corenta anos, sen faltar nin un só día a súa cita coa meteoroloxía, salvo algunha excepción:

"Cando casei fun de viaxe de noivos e quedáronme dúas alumnas do último curso".

E malia que a tecnoloxía avanza a pasos axigantados e os aparatos recollen unhas dez variables cada día, hai outros indicadores que tamén se estudan. Como por exemplo o primeiro canto do cuco ou o da bubela e a rula, o florecemento das mimosas e as xestas, ou o avistamento da bolboreta branca.

"Relacionámolo cos datos meteorolóxicos na estación e búscanse causas, por que se comporta unha determinada especie dunha maneira ou doutra".

Confía en que algún dos profesores se anime a coller a remuda, sobre todo para que o traballo, a serie meteorolóxica destes corenta anos, non se perda. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar