Dan de alta o condutor do autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade
Dan de alta o condutor do autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade
A outra supervivente do accidente continúa ingresada no hospital Montecelo de Pontevedra
O condutor do autobús que caeu en Noiteboa ao río Lérez, á altura do lugar de Pedre, en Cerdedo-Cotobade, recibiu a alta, mentres que a outra sobrevivente, unha das nove persoas que ían a bordo, continúa por agora ingresada.
O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, facilitou esta información en declaracións á prensa tras o minuto de silencio gardado en Cerdedo-Cotobade.
O condutor fora trasladado tras o rescate ao Hospital Clínico Universitario de Santiago. A primeira avaliación do seu estado falaba de que tiña feridas leves e que evolucionaba favorablemente.
Trátase dun home de 63 anos que, segundo as primeiras probas que lle realizaron, deu negativo nos tests de drogas e alcol e estaba en plenas facultades para conducir.
A muller ferida permanece ingresada no hospital Montecelo de Pontevedra, con diagnóstico leve. Permanece polo momento estable. Rosario González é veciña de Ponteareas e foi a persoa que deu a voz de alarma sobre o accidente ocorrido aos servizos de emerxencias.
Previamente unha condutora chamara dicindo que vía a varanda de protección desfeita na estrada ao seu paso por ese lugar do concello de Cerdedo-Cotobade, pero que non observaba nada máis.
A propia chamada de Rosario dende dentro do autocar sinistrado xa no río foi clave para activar o rescate e polo menos poder salvar estes dous superviventes. Rosario fixo onte, o día de Nadal, 49 anos e viña de Monterroso de visitar un familiar na prisión da localidade lucense.