De abril a xuño prodúcese a maior incidencia de casos de alerxia por pole
De abril a xuño prodúcese a maior incidencia de casos de alerxia por pole
Será a partir do mes de maio cando comece a das gramíneas, unha das alerxias con máis incidencias entre a poboación
Se son sensibles ao pole levarán xa algunhas semanas con síntomas de alerxia. Pois semella que aínda quedan por diante meses complicados para moitos. O nivel de concentración de pole vai variando, pero esta semana en Galicia os niveis máis altos provócanos os carballos e especialmente os bidueiros, que están en plena floración.
Será a partir do mes de maio cando comece a das gramíneas, unha das alerxias con máis incidencias entre a poboación. Son días complicados para os alérxicos, que estes días deben evitar facer actividades ao aire libre, sobre todo en xornadas solleiras e con vento, recomendan tamén utilizar lentes de sol e filtros antipole nos coches.
A primavera trae consigo días complicados para os alérxicos.
"Estou afónica por culpa da alerxia, do pole. Coido que si me está a afectar un pouquiño, e meus fillos tamén teñen alerxia".
"Coñezo xente que si, e pásano mal, que esbirran, con panos coma se tiveran catarro, pero non".
"O que está un pouco fastidioso é esa peluxe que anda por aí voando, agora pícame o corpo só con vela. É moi molesta".
É a do plátano de sombra, que canda os piñeiros está a rematar o seu período polínico. Ambos son motivo de alerxia para algúns, pero tamén os altos niveis de pole que rexistran estes días os bidueiros, que se atopan en plena floración. Con todo, as que máis problemas provocan son as gramíneas.
"Aquí a gramínea empeza aproximadamente á metade de maio, afecta a metade maio, xuño xullo e esa é probablemente a que máis problemas provoca: rinite, conxuntivite, asma. Unha das peores cousas que ten a alerxia é que unha vez que se establece o cadro alérxico cada ano é máis forte, nunca vai a menos", explica o pediatra e alergólogo Martín Nogueira.