O detido polo roubo dunha cruz do século XVII, investigado por un delito de receptación
O detido polo roubo dunha cruz do século XVII, investigado por un delito de receptación
O arrestado pasou este venres a disposición xudicial en Mondoñedo, onde quedou en liberdade en calidade de investigado
A Garda Civil trata de descubrir a procedencia doutros obxectos comisados ao detido e dos que non puido acreditar a propiedade
O Xulgado de instrución número 1 de Mondoñedo decretou a posta en liberdade con cargos dun historiador e coleccionista de Lugo investigado pola receptación de obxectos de arte sacra, entre eles unha cruz de prata do século XVII roubada dunha igrexa da provincia de Lugo.
Segundo explica este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía non solicitou o seu ingreso en prisión e o citado xulgado de Mondoñedo impuxo, como medidas de precaución, a retirada do pasaporte, a prohibición de saír do territorio español e a obrigación de comparecer mensualmente nesa instancia.
O home, de 67 anos, natural das Nogais, moi coñecido por ser historiador e coleccionista, está investigado por un delito agravado de receptación, sen prexuízo de que ao longo da instrución lle poidan imputar máis ilícitos.
O individuo foi detido esta semana por axentes da Garda Civil na denominada operación Gulgalta ao considerarlle autor de supostos delitos contra o patrimonio histórico, receptación e falsidade documental.
A operación comezou tras a desaparición do interior dunha igrexa da parroquia da Pastoriza dunha cruz de prata co relevo de San Martiño no reverso e un inscrición do ano 1696.
Hai un mes a Garda Civil tivo coñecemento de que alguén estaba taxando a cruz para vendela. Deron co comprador, e este levounos ata o detido a quen sinalou como o vendedor. No rexistro da súa vivenda atoparon outros obxectos de gran valor que agora están a ser analizados para certificar a súa procedencia, xa que o detido non puido acreditar a súa lícita procedencia.