O exmozo de Déborah Fernández, principipal sospeitoso no caso, declara no xulgado de Tui
O exmozo de Déborah Fernández, principipal sospeitoso no caso, declara no xulgado de Tui
Rosa Fernández, irmá da moza asasinada, díxolle ao investigado que agora tiña a "oportunidade de falar"
Nas portas dos xulgados de Tui, amigos e familiares quixeron arroupar a familia de Déborah
Cita ante a Xustiza para o exmozo de Déborah Fernández, a moza viguesa asasinada hai 20 anos. Pouco antes das 9:20 da mañá deste venres chegaba ata o xulgado de Tui acompañado do seu avogado.
Alí estaba a familia de Déborah e, segundo manifestou a súa irmá, Rosa, díxolle ao investigado que agora tiña "a oportunidade de falar".
Rosa Fernández manifestou que hoxe era "un día moi importante" e que levaban agardando por el vinte anos. Seguen sen entender por que non foi declarar nunca en sede xudicial e que agardan que coa súa comparecencia poida aclararse o que aconteceu o día en que Déborah desapareceu.
“Cremos que non declarará ou que se acollerá ao seu dereito lexítimo de responder só ás preguntas do seu letrado”, manifestou Rosa, irmá de Déborah e portavoz da familia.
“Isto non vai achegar grande información, pero para min o feito de estar hoxe aquí e que a xuíza e o fiscal lles poidan facer preguntas relativas aos días da desaparición e os días máis importantes na investigación, para min é vital”, engadiu.
Ao ser citado en calidade de investigado, o exmozo de Déborah ten dereito a non declarar ou a facelo só ás preguntas do seu avogado. Para a policía, el é o principal sospeitoso no caso.
Nas portas do xulgados de Tui, amigos e familiares quixeron arroupar a familia de Déborah Fernández.