Absolto por "lexítima defensa" o octoxenario que lle deu morte ao seu cuñado
Absolto por "lexítima defensa" o octoxenario que lle deu morte ao seu cuñado
A viúva da vítima exculpou ao procesado e manifestou que o seu marido era un home conflitivo
O home que lesionou ao seu cuñado, que acabou morto, en Cabana de Bergantiños en 2019 cando lle apuntaba cunha escopeta, foi absolto polo xurado ao apreciar lexítima defensa.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña acolleu durante a última semana o proceso con xurado contra un home de 85 anos por uns feitos que o 5 de xuño de 2019 acabaron coa vida doutro home, naquel momento de 83 anos, cuñado do procesado e marido da irmá deste, con quen convivía.
O xurado declarouno non culpable dos delitos de homicidio imprudente e de asasinato, ao entender que non quería acabar coa súa vida.
Delito de lesións
Considérao autor dun delito de lesións, pero sen responsabilidade penal por este ao apreciar a circunstancia eximente completa de lexítima defensa.
O maxistrado presidente indicou que, por tanto, a sentenza derivada deste proceso será absolutoria.
"Chegou coa escopeta alí e apuntándome e díxome: 'Vou facer limpeza, vou matarte a ti e á túa irmá, vou matarvos aos dous'. Eu queríao, queríao moitísimo", alegou o acusado durante o proceso.
Aquel día, segundo a súa versión, chegou coa escopeta e, tras ameazalo, el tiroulla dun lapote, pero recolleuna outra vez e volveuno encanonar, ao que el reaccionou ao instante, ao coller unha barra de ferro próxima e darlle con ela na cabeza "unha vez soa; máis, non".
A viúva exculpou ao procesado: "O meu irmán non causou nada da morte do meu marido; estará acusado, pero foi todo do corazón. Digo a verdade porque o meu irmán non tivo culpa ningunha. Nunca nos metemos con el, el sempre connosco, nunca podiamos comer unha comida a gusto (...) Máis mala sorte que eu en todo o mundo non creo que houbese".
Os médicos forenses que fixeron a autopsia do cadáver aseguraron que a causa da morte foi unha hemorraxia interna no tórax e descartaron que os golpes na cabeza fosen letais.
—Dixeron que o corpo presentaba sete feridas na cabeza provocadas por polo menos tres golpes, todas compatibles cunha barra de ferro, que nunca viron, aínda que tamén con outros elementos, e ningunha delas mortal.
A causa da morte foi unha hemorraxia interna no tórax, pois tiña seis costelas e dúas vértebras rotas, unhas fracturas que cren que o máis probable é que se produciron na caída —non por máis golpes— durante a disputa entre ambos, pois dixeron que os ósos a esas idades teñen a suficiente fraxilidade como para que cunha mera caída os rompese.