Publicador de contidos
Publicador de contidos

Denuncian o perigo dunha casa en ruínas na Peroxa

Denuncian o perigo dunha casa en ruínas na Peroxa

Os donos marcharon hai décadas e a casa ameaza con derrubarse

Está invadida polas silvas e todo tipo de bichos

Casa en ruínas e veciños de Corvelle, na Peroxa
G24.gal 29/03/2023 13:47

Hai máis de setenta anos que os donos dunha casa de Corvelle, no concello ourensán da Peroxa, marcharon para a Arxentina e o abandono foise apoderando dela.

"Primeiro caeu esta parte de adiante, que tiveron que tirala. O tellado foi o último, a verdade é que resistiu bastante. Pero está feita unha pena", explica Arita que, canda a súa nai, son as veciñas máis próximas.

A silveira é a paisaxe que contemplan desde o balcón.

"Todos os días me levanto mirando para as silvas. Hai cobras e todo o que poidas imaxinar", di Arita.

Pero é o estado de ruína, e o risco de derrubamento, o que máis lles preocupa aos veciños. E non só no caso desta casa. No centro da aldea hai outras co mesmo problema. Esta parede caeu a semana pasada.

"Faltan os tellados, choveu, as pedras son pequenas e por si mesmas xa se desfán. Se veñen por aquí os nenos, buscando flores ou xogando coa pelota, só fai falta botar un ollo para ver o risco que ten a zona", lamenta Mario, outro veciño.

Levan anos denunciando a situación, pero non obtiveron máis que promesas incumpridas.

"Hai moitos anos que din que iso está expropiado, que van facer unha praza, pero non fan nada", asegura Esther. 

Confían en que o concello tome medidas antes de que ocorra algunha desgraza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade