Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desartellada unha banda que se adicaba a roubar en bares de Santiago e do Deza

Desartellada unha banda que se adicaba a roubar en bares de Santiago e do Deza

Un dos detidos traballaba nunha empresa de distribución de bebidas, polo que dispoñía de información privilexiada sobre os negocios de hostalería

Ambos os dous contan con antecedentes por feitos semellantes

Garda Civil
G24.gal 01/08/2024 12:24

A detención de dous veciños de Teo pola Garda Civil desartellou unha banda que supostamente realizou 30 roubos con forza en establecementos de hostalería das provincias da Coruña e Pontevedra.

A investigación da operación denominada Consignatario-Linei comezou en abril de 2024, cando o Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín e a área de Investigación do Posto Principal da Garda Civil do Milladorio-Ames detectaron unha serie de roubos en establecementos de hostalería nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, así como en Santiago de Compostela. Ambas as dúas unidades formaron un equipo de investigación conxunto para identificar os autores e recuperar os obxectos subtraídos.

O modus operandi da banda consistía en fracturar xanelas ou cristais para acceder aos locais, seleccionados previamente por un dos detidos, quen traballaba nunha empresa de distribución de bebidas en Teo. "Esta posición permitíalle obter información detallada sobre os establecementos e os puntos de acceso máis vulnerables", relata a Garda Civil nun comunicado este xoves.

Os roubos centrábanse principalmente en pequenos locais de hostalería, de onde levaban a recadación das caixas rexistradoras.

"Os detidos, con antecedentes por delitos similares, complicaron significativamente a investigación debido á súa experiencia neste tipo de roubos. Cumpriu un esforzo coordinado e exhaustivo de análise por parte das unidades policiais de Lalín e O Milladorio-Ames para concluír que os roubos no ámbito xeográfico extenso, incluídos varios en Santiago de Compostela, estaban relacionados e eran cometidos polos mesmos delincuentes", explica a Garda Civil.

As detencións tiveron lugar o pasado 31 de xullo nos Tilos, municipio de Teo, e Santiago de Compostela. Nos rexistros domiciliarios atopáronse efectos subtraídos e outros relacionados cos delitos investigados. Aínda están por cuantificar os numerosos danos materiais rexistrados nos asaltos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade