Desarticulada unha banda que traficaba con angulas entre Galicia e Portugal
Desarticulada unha banda que traficaba con angulas entre Galicia e Portugal
As forzas de seguridade comisaron 400 quilos desta especie, que era pescada ilegalmente no río Miño e comercializada en Portugal
Detiveron dúas persoas en Pontevedra e investigan outras once no país veciño
Unha operación conxunta entre a Policía Nacional, o Servizo de Vixilancia Aduaneira, a Policía Autonómica galega e a Policía Marítima de Portugal logrou desarticular unha organización criminal internacional dedicada ao tráfico de especies protexidas.
Aos membros desta rede, cuxos principais integrantes estaban no país luso, interviñéronselles máis de 400 quilos de angulas pescadas de forma ilegal no río Miño, sen as preceptivas licenzas nin permisos.
As autoridades detiveron dúas persoas en Pontevedra, onde se realizaron dous rexistros, en colaboración con veterinarios do servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia. Neles requisaron preto de 77.000 euros.
En Portugal, mentres, realizáronse nove rexistros. Investíganse once persoas como presuntos membros desta organización criminal, ás que se lles interviñeron seis vehículos.
A todos os arrestados impútanselles os delitos de tráfico de especies protexidas, falsidade documental, fraude de IVE e posibles infraccións de contrabando.
Segundo os investigadores, esta organización, que estendía a súa actividade entre España e Portugal, dedicábase á adquisición, almacenaxe, distribución e exportación de angulas pescadas de forma ilegal no río Miño, sen permisos nin licenzas correspondentes.
O diñeiro e as angulas intervidas quedaron á disposición do xulgado.