Descargan ata 80 toneladas diarias de bocarte en Celeiro
Descargan ata 80 toneladas diarias de bocarte en Celeiro
Ata 27 barcos utilizaron o porto lugués na última semana
O prezo do peixe está entre 0,90 e 3,30 euros
Ata 80 toneladas de bocarte estanse a descargar diariamente no porto de Celeiro na última semana. Barcos con base noutras localidades, como Rianxo, Sada ou Cedeira, acoden ao peirao lugués para aproveitar a campaña e que sexa máis rendible economicamente. Entre pescar, navegar e facer a descarga tan só se pode descansar mentres se repón o material.
"Sorprende que haxa tantos barcos aquí, pero todos andamos ao mesmo e pouco paramos", di Lucas Alfeirán, mariñeiro.
"Somos once mariñeiros e facemos as capturas cunha rede de cerco", explica Alejo Belo, mariñeiro.
A cotización do bocarte na lonxa de Celeiro oscila entre os 90 céntimos e os 3,30 euros por quilo, pero irá subindo conforme diminúan as capturas. A abundancia de peixe sorprende os propios mariñeiros, que cren que esgotarán a cota asignada antes de que remate o mes de xullo. E é que hai un enorme banco do peixe na zona de Ortegal.
"Nós comezamos a campaña no País Vasco, seguimos cara aquí e contamos con rematar na Coruña", conta Alejo Belo.
"Hai moito máis que o ano pasado pero o tamaño non axuda ao prezo", apunta Alfeirán.
Malia a numerosa presenza de buques do bocarte, a actividade normal en Celeiro non se viu afectada.