Desmantelada unha plantación de marihuana en pleno centro urbano de Marín
Desmantelada unha plantación de marihuana en pleno centro urbano de Marín
Tiña plantas en diferentes fases de desenvolvemento nun ático do centro da vila
A Policía Nacional desmantelou unha plantación de marihuana que un veciño de Marín tiña no seu domicilio, co que se logrou desactivar un punto de cultivo e distribución de estupefacientes e deter ao responsable como presunto autor dun delito contra a saúde pública.
O autor dos feitos, un home de 46 anos, convertera o seu piso, un ático dun céntrico edificio da vila, nunha auténtica "factoría verde" do cultivo de plantas de marihuana, segundo a Policía Nacional.
Na comisaría de Marín recibíronse días antes da intervención unha serie de informacións sobre a posible actividade ilícita desenvolvida por este individuo, polo que os axentes iniciaron xestións de investigación.
Unha vez autorizada a de entrada e rexistro, constataron de modo fidedigno a actividade ilícita e interviñeron varias ducias de plantas de marihuana en distintos estados de desenvolvemento e floración, así como varios botes e caixas de cartón que contiñan unha cantidade destacable de cogollos de marihuana xa secos e dispostos para a súa distribución entre os consumidores finais, ademais dunha envasadora utilizada para o precintado dos cogollos.
Posteriormente procedeuse á detención do presunto autor dos feitos e ao seu posterior traslado a dependencias policiais, xunto con substancias estupefacientes e o material intervido.