Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desmantelan na Fonsagrada un taller clandestino en que se modificaban armas de fogo

Desmantelan na Fonsagrada un taller clandestino en que se modificaban armas de fogo

A Garda Civil comisou durante os rexistros 39 armas: vinte e dúas pistolas, once revólveres, catro escopetas, un fusil de asalto e unha carabina

G24.gal 05/07/2023 11:29

A Garda Civil, no marco da Operación Furancho, desmantelou na Fonsagrada un taller clandestino en que se modificaban armas de fogo, onde os axentes encargados da investigación interviñeron preto de corenta pistolas, revólveres e escopetas e arrestaron o seu suposto responsable.

Segundo a información facilitada este mércores pola Comandancia de Lugo, o sospeitoso foi detido como investigado polos delitos de depósito de armas e municións, posesión ilícita de armas, posesión ilícita de armas prohibidas e modificación ilegal destas.

De acordo coa investigación realizada pola Garda Civil, o investigado realizaba nese taller clandestino diversas modificacións de armas grazas aos coñecementos que adquiriu no seu momento como armeiro.

No transcurso desta operación policial, ademais do taller clandestino, os axentes rexistraron un domicilio e unha leira en que o sospeitoso tiña “unha galería de tiro” para probar as armas modificadas. Neses lugares foron intervidas 39 armas —vinte e dúas pistolas, once revólveres, catro escopetas, un fusil de asalto e unha carabina—, ademais de 2.200 cartuchos de diferentes calibres.

Tamén atoparon pólvora para a fabricación de municións, máquinas e ferramentas para a transformación de armas.

A operación foi iniciada hai tres anos cando os axentes encargados da investigación tiveron coñecemento de que varias persoas estaban comerciando ilicitamente con armas de fogo e con compoñentes esenciais destas a través de Internet.

Unha vez identificado e localizado o lugar onde se sospeitaba que levaban a cabo os labores de manipulación e transformación das armas, realizáronse os correspondentes rexistros.

A operación foi desenvolvida por axentes da Garda Civil de Lugo conxuntamente coa Xefatura de Información (UCE3). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade