Desmantelado un laboratorio de metanfetamina nun restaurante de Madrid
Desmantelado un laboratorio de metanfetamina nun restaurante de Madrid
A policía incautouse de cinco quilos de haxix, armas brancas e 60.000 euros en billetes falsos agochados nunha caixa de seguridade
O xulgado mandou ao cárcere a tres dos cinco detidos
A policía ía detrás dun grupo que traficaba con droga polo porto de Valencia e a levaba a Madrid, cando localizaron o laboratorio de metanfetamina agochado no cuarto traseiro do restaurante.
Sospeitaron porque entraba e saía a xente, aínda que estivese pechado o negocio. Pero só permanecían no interior uns poucos minutos.
"Ao entrar no restaurante, os axentes detectaron un cheiro forte a produtos químicos no ambiente, similar ao xofre, polo que desaloxaron o local, precintárono e estableceron un dispositivo de seguridade para evitarlles riscos aos veciños, aos viandantes e aos propios policías", explica Elisa Rebolo, voceira da Policía Nacional.
O xulgado de garda mandou a prisión a tres dos cinco detidos, todos eles de orixe romanés. Pero a investigación continúa aberta para localizar o líder da banda.
"No rexistro do restaurante interviñéronse cinco quilos de haxix, que estaban envasados ao baleiro nunha das neveiras, un cargador de pistola, armas brancas e un detector de balizas", engade.
Os axentes tardaron máis de tres horas en abrir unha caixa de seguridade oculta na parede tras un armario, que contiña 60.000 euros en billetes falsos.