Despiden os dous senegaleses que socorreron a Samuel Luiz
Despiden os dous senegaleses que socorreron a Samuel Luiz
A CIG denunciou este martes o despedimento dos dous homes senegaleses que en xullo de 2021 trataron de auxiliar a Samuel Luiz, supostamente por “colleren vacacións”.
Nun comunicado, a central sindical asegura que a contratación de ambos por unha empresa de Betanzos fora anunciada publicamente polo propio dono, tras o recoñecemento social aos dous homes "pola súa valente e decidida acción para defender a Samuel Luiz”.
Por isto, os dous homes foron distinguidos como fillos adoptivos da Coruña e recibiron permisos de residencia e traballo.
Con todo, a Federación de Construción e Madeira da CIG denuncia que ambos tiveron "un contrato abusivo, con xornadas de ata dez e once horas diarias, co soldo máis baixo do convenio".
Ademais, a empresa, cando soubo que os operarios reservaran billetes de avión para visitar as súas familias no Senegal, coincidindo coas vacacións do Nadal, tratou de convencelos para que renunciasen ás vacacións.
"Algo ao que estes se negaron para emprender, en efecto, a viaxe prevista durante as súas vacacións pendentes", ante o que, segundo o sindicato, “en represalia, ese mesmo día foron despedidos coas súas respectivas cartas por causas económicas e foron substituídos de inmediato nos seus postos por novos operarios, e non se lles aboou a indemnización nin a liquidación salarial".