Despois das denuncias veciñais, o concello pecha un local en Santiago por exceso de ruído
Despois das denuncias veciñais, o concello pecha un local en Santiago por exceso de ruído
Dende o establecemento anuncian que recorrerán o peche e din que teñen "todo en orde"
A Asociación de Veciños de San Lourenzo leva anos denunciando as molestias que ocasiona a actividade da sala
Os veciños do barrio compostelán de San Lourenzo din que xa están ao límite. Denuncian que hai anos que non dormen polos ruídos dun local de ocio nocturno.
"Está a metade da xente aquí con trankimazin, que non poden durmir" di Jon Brokenbrow, presidente da asociación veciñal Río Sarela. "Hai que pensar como é a vida sabendo que todas as semanas vas pasar catro días sen durmir, nunha rúa de xente traballadora", engade.
Din que levan case unha década acumulando denuncias no Concello por esas molestias, e que por fin hai cousa de dous meses enviaron unha empresa para medir en varios domicilios eses niveis de ruído.
Aquí, explica Brokenbrow, os niveis pola noite terían que ser de 30 decibeles. "Deron niveis de 42, 48 ou 38 decibles", di. "E iso -aclara- nas habitacións das casas a tres e catro portas do local".
Uns resultados que, segundo explican dende o Concello, obrigan ao peche do local. E así o fixeron: a sala quedou clausurada o venres 15 de marzo.
A empresa dá a súa versión nun comunicado: din que esas medicións que provocaron o peche son "irregulares", e que están indefensos. Afirman que teñen "todo en orde" coa súa licenza, e anuncian que recorrerán o peche, que ven como "unha desfeita imposible de entender".
O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, afirma que a sala seguirá pechada "ata que se corrixan as deficiencias".
E a veciñanza non quere oír falar dunha posible reapertura. "Esta situación non pode existir, hai leis e regulamentos para amañar este tema", afirma o presidente da asociación. Di que temos que "mudar completamente a formulación que temos cara á presenza dos lugares de ocio nocturno e os lugares onde dorme a xente".
A de San Lourenzo uniuse nesta loita con outras asociacións veciñais e traballan nunha plataforma contra a contaminación acústica. Están decididos a facer valer o seu dereito ao descanso.