Deteñen en Colombia o cártel que construíu o narcosubmarino de Aldán
Deteñen en Colombia o cártel que construíu o narcosubmarino de Aldán
Foi nunha operación conxunta entre a Armada, a Fiscalía colombiana e a Garda Civil española
As autoridades detiveron no suroeste de Colombia doce persoas integrantes dunha banda de narcotraficantes especializada na construción de narcosubmarinos, entre eles, o achado en Aldán en 2019. Nesas embarcacións enviaban cocaína cara a Centroamérica e España.
O comandante da armada colombiana, o almirante Francisco Cubides, dixo que as detencións se realizaron en Cali, Buenaventura (Valle del Cauca) e na localidade de Santander de Quilichao (Cauca).
A realización desta operación contra o narcotráfico foi un traballo articulado entre a Armada e a Fiscalía colombiana, que contou coa colaboración da Garda Civil española.
"A organización narcotraficante desarticulada especializábase na construción de semisomerxibles para transportar clorhidrato de cocaína cara a Centroamérica e Europa, especialmente cara a portos españois", detallou a Armada nun comunicado.
Segundo o almirante Cubides, os capturados foron os que construíron tres semisomerxibles, dous dos cales foron descubertos en Colombia e un máis en Galicia.
Os capturados foron postos ao dispor da Fiscalía colombiana acusados de delitos asociados con narcotráfico.
Doutra banda, a Fiscalía colombiana impuxo medidas cautelares de embargo a 20 inmobles, un local comercial e 15 vehículos valorados en máis dun millón de dólares.
Colombia segue sendo o maior exportador de cocaína do mundo, segundo o último informe da ONU, no que sinala que "a oferta mundial está en niveis récord" e precisa que en 2020 se produciron case 2.000 toneladas de clorhidrato de cocaína, máis do dobre que en 2014.