Publicador de contidos
Publicador de contidos

Interceptado en augas do Atlántico un narcosubmarino que se dirixía cara á costa peninsular

Interceptado en augas do Atlántico un narcosubmarino que se dirixía cara á costa peninsular

A bordo foron detidos os catro tripulantes de nacionalidade colombiana

G24.gal 26/06/2024 17:26 Última actualización 26/06/2024 20:37

Efectivos de loita contra o narcotráfico interceptaron nas últimas horas un semisomerxible en augas do Atlántico.

A bordo foron detidos os catro tripulantes, de nacionalidade colombiana, que foron rescatados despois de que afundisen o artefacto.

A embarcación ten 20 metros de eslora e é similar ás xa interceptadas en Galicia, na ría de Aldán en 2019 e na ría de Arousa en 2023.

Segundo os investigadores, polo lugar da intervención e o modo de actuar da tripulación presúmese que transportaba cocaína a bordo.

O buque Fulmar do servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria interceptouno a 280 millas ao oeste da costa de Cádiz.

 No momento en que a tripulación se decatou da proximidade do buque, abriron as billas de fondo e saíron á superficie para poñerse a salvo. Unha vez que afundiu o semisomerxible xunto coa súa carga, os catro tripulantes foron rescatados e detidos pola tripulación do Fulmar.

Operación previa con 900 quilos 

Nunha operación paralela, tres días antes, interviñéronse 900 quilos de cocaína que foran lanzados ao mar por unha narcolancha.

A tripulación do Fulmar interceptou na zona estimada de transbordo a semirríxida na madrugada do sábado 22.

Ao verse descuberta iniciou a fuxida cargada cunha importante cantidade de fardos dos utilizados habitualmente para o tráfico de cocaína.

A persecución, en condicións meteorolóxicas adversas, prolongouse durante máis de seis horas pero, finalmente, logrouse frustrar o intento de alixo.

A tripulación da narcolancha lanzou a carga de 30 fardos con preto de 900 quilos de cocaína.

Todos estes feitos foron postos en coñecemento da Fiscalía Antidroga da Audiencia Nacional, que remitiu ao Xulgado de garda as actuacións para continuar as investigacións, tomar declaración aos tripulantes do narcosubmarino e tratar de identificar aos da semirríxida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade