Deteñen en Barcelona un dos fuxitivos máis buscados de Europa
Deteñen en Barcelona un dos fuxitivos máis buscados de Europa
E. K., alcumado DEC, formaba parte dunha listaxe con máis dun cento de prófugos perigosos
Afronta unha pena de 10 anos de prisión por estar implicado no transporte de 300 quilos de heroína desde Irán a Eslovenia
Unha operación da Policía Nacional permitiu a detención de E. K., alcumado DEC, un dos fuxitivos máis buscados polas forzas de seguridade europeas.
Considerado polas autoridades xudiciais e policiais de Eslovenia como "obxectivo de alto valor", xa que estaba implicado nun transporte de máis de 300 quilos de heroína desde Irán a Eslovenia. Por estes feitos afronta unha pena de dez anos de prisión.
A investigación comezou hai dous anos e medio cando os axentes especializados en España en localizar fuxitivos souberon da orde europea contra este home, emitida por Eslovenia por tráfico de drogas.
A mercadoría eran 800 bólas de adhesivo cerámico nas que agocharon 25 bolsas coa droga camuflada, e todo chegou por barco nun colector ao porto de Koper, en Eslovenia.
Vixilancia complexa e actuación por sorpresa
O intercambio de información policial entre España e Eslovenia permitiu detectar as identidades falsas que utilizaba, os seus vehículos e os inmobles en que viviu, mesmo o último en que estaba.
Vivía en Barcelona canda a súa familia nunha urbanización de luxo nas proximidades dun campo de golf. A situación e as características da zona, e a existencia dun chat de residentes que alertaba de presenzas estrañas no lugar onde residía o investigado, obrigou os axentes a realizar vixilancias desde lonxe nunha zona boscosa.
O apoio de axentes eslovenos desprazados expresamente ata Barcelona permitiu a detención nunha operación conxunta. A perigosidade do fuxitivo obrigou a unha intervención por sorpresa e contundente para lograr o arresto.