Deteñen en Portugal o suposto autor de dous roubos con forza en Galicia
Deteñen en Portugal o suposto autor de dous roubos con forza en Galicia
Os feitos delituosos sucederon durante o verán de 2022 en Fisterra e Zas cando entraron en dúas vivendas
O suposto autor de dous roubos con forza rexistrados o verán pasado en Fisterra e Zas, foi detido en Portugal, na operación Fizavi realizada pola Garda Civil e grazas á colaboración policial internacional.
A operación iniciouse por mor de dos roubos con forza perpetrados en xullo de 2022 en senllas vivendas das citadas localidades coruñesas cando os moradores estaban a durmir no interior, o que causou grande alarma social na zona, segundo informa a Garda Civil.
En Fisterra o presunto autor accedeu á vivenda tras forzar unha das xanelas e roubou obxectos de diferente natureza, como xoias, diñeiro en efectivo e tarxetas bancarias que usou no caixeiro automático dunha entidade bancaria en Cee, para subtraer o diñeiro das contas asociadas ás mesmas.
O segundo roubo produciuse dúas noites despois, cando o autor dos feitos entrou nunha vivenda en Zas tras forzar unha fiestra, rexistrou todas os cuartos, mesmo os dormitorios ocupados polos moradores, e levou diñeiro e diferentes obxectos.
Durante a investigación, o Equipo Territorial de Policía Xudicial (ETPJ) de Corcubión, na Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña, identificou o presunto autor dos feitos como un home que se atopaba en paradoiro descoñecido tras non regresar a un centro penal insular despois dun permiso a finais do ano 2021.
Coa investigación realizada lograron indicios da súa posible localización en Portugal, polo que se solicitou a colaboración das autoridades do país e, como resultado da cooperación policial internacional, detiveron o suposto autor dos feitos. Ingresou nun centro penal portugués.
As actuacións realizadas puxéronse a disposición do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución Nº 2 de Corcubión.