Deteñen o home que asaltou dous taxistas cun desaparafusador
Deteñen o home que asaltou dous taxistas cun desaparafusador
Acúsano de roubar un taxi en Oleiros e repetir o asalto horas despois en Lugo
O acusado, un home asturiano de 37 anos, atentou contra un axente durante a detención
O asaltante subiu a plena luz do día nun taxi desta parada de Santa Cruz de Oleiros. Pediu que o levaran a Culleredo. Pero a medio camiño, houbo cambio de plans e chegou a sorpresa.
"Durante o traxecto decidou cambiar o destino e cando o taxista parou para informar da tarifa, púxolle un desaparafusador no pescozo. O taxista logrou escapar pero o asaltante fuxiu co coche", explica Lola Amado, voceira da Garda Civil da Coruña.
Horas despois abandonou o vehículo roubado en Rábade. Pero antes de marchar desfíxoo por dentro, motivo polo que o taxista de Oleiros non puido regresar aínda ao traballo.
"Non pode porque o coche non está en condicións para traballar. Teño entendido que lle desfiso o interior buscando un localizador, sacou o líquido refrixerante e prendeu o motor para que ardera. Imaxino que a súa idea era desfacer as probas", comenta Rubén Lozano, compañeiro do taxista asaltado.
O roubo non rematou así. Esa mesma tarde o asaltante pediu outro taxi desde Rábade a Lugo e tentou repetir o atraco.
"Solicitou outro taxi e repetiu o mesmo modus operandi. Pero desta volta o taxista logrou desarmalo e o home fuxiu a pe", engade a voceira da Garda Civil.
No momento da detención, o home non levaba enriba o desaparafusador, pero si unha navalla cun gume de 15 centímetros. Ademais, amosouse violento cun dos axentes.
"Ao ser trasladado a dependencias oficiais, agrediu o axente que o custodiaba poñendo en risco a seguridade do vehículo policial", engade Lola Amado.
O Xulgado de Instrución número 1 da Coruña xa decretou o ingreso en prisión preventiva do acusado, un asturiano de 37 anos cun amplo historial delituoso ás súas costas.