Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen un home en Sanxenxo que publicaba titoriais para fabricar explosivos

Deteñen un home en Sanxenxo que publicaba titoriais para fabricar explosivos

O home foi arrestado, canda a outras dúas persoas en Navarra, acusado de tenza ou depósito de explosivos

Os investigadores aseguran que fabricaba pólvora negra, cualificada como "moi perigosa"

Imaxe da operación facilitada pola Garda Civil
G24.gal 09/02/2022 10:43

Un veciño de Sanxenxo, de 35 anos de idade, é un dos tres detidos no marco dunha operación policial contra a compra e venda de substancias explosivas. A compra de certas substancias químicas, denominadas 'precursores' de explosivos, puxo a Garda Civil sobre a pista deste home, que foi detido a pasada semana e está investigado por tenza ou depósito de explosivos.

Este operativo policial, ao que a Garda Civil puxo o nome de Boxes Charada, permitiu a detención de tres persoas, amais do arrestado en Sanxenxo, outras dúas, un home e unha muller en Navarra

Segundo informa o Instituto Armado, os precursores son substancias a partir das cales, en determinadas concentracións, mesturadas entre si ou con outros produtos, permiten fabricar explosivos de forma caseira e ilícita. Por iso, o seu comercio, adquisición, tenza e uso están rigorosamente controlados.

Durante a investigación identificaron un comprador destas sustancias en Sanxenxo, un veciño que estaba a usar eses precursores para a fabricación caseira de mesturas explosivas e incendiarias, como pólvora negra ou termita, que a Garda Civil cualifica como "moi perigosa" polo seu poder destrutivo.

Videotitoriais

Ademais, este home dedicábase a publicar vídeos nas súas redes sociais e en Internet explicado "paso a paso" como elaboraba estas mesturas e os seus efectos.

A Garda Civil fai fincapé no risco engadido de que os titoriais poderían ser utilizados por outras persoas para a elaboración de artefactos explosivos con fins violentos e delituosos.  

Logo da súa detención, quedou en liberdade en sede policial, pero está a ser investigado polo Xulgado de Instrución número 4 de Cambados.

Imaxe dun dos rexistros por parte dos TEDAX facilitada pola Garda Civil Imaxe dun dos rexistros por parte dos TEDAX facilitada pola Garda Civil

Detidos en Navarra

A Garda Civil tamén identificou un segundo comprador, neste caso un home de 40 anos de idade, que vive na Comunidade Foral de Navarra, que ten antecedentes por tráfico de armas. Este home, que foi detido xunto á súa parella, fora arrestado tamén en marzo de 2020 nun operativo en que se desarticulou un taller clandestino que tiña no seu domicilio, e no que manipulaba armas de fogo para o seu posterior tráfico ilícito.  

A investigación actual revelou que este home e a súa parella estaban a tratar de adquirir precursores para a fabricación de pólvora (legalmente catalogada como explosivo propulsor) e así poder utilizala na fabricación ilegal de munición metálica con proxectil, que vendían xunto coas armas coas que supostamente traficaban.

Así mesmo, coa colaboración de Interpol, os axentes souberon que esta parella adquirira recentemente no estranxeiro un importante número de armas detonadoras, que se sospeitaba que transformaran para que fixesen fogo real.  

Nos rexistros realizados, con apoio de técnicos en desactivación de explosivos (TEDAX) e cans detectores, a Garda Civil incautouse de 2 kg de precursores e produtos químicos, unha pistola detonadora transformada, tres pistolas detonadoras listas para a súa transformación, dúas carabinas, 94 cartuchos detonadores xunto a rodamentos metálicos (para fabricar munición artesanal), ferramentas e maquinaria para manipular armas e munición, 8.800 euros en efectivo, varios coitelos, puñais e outras armas brancas prohibidas, equipos informáticos e documentación.

Esta actuación foi desenvolvida pola Xefatura de Información(UCE 3) da Garda Civil, conxuntamente cos Grupos de Información das Comandancias de Pontevedra e Navarra, co apoio do Grupo de Desactivación de Explosivos (GEDEX) de Pontevedra e o Servizo Cinolóxico de ambas as Comandancias, así como do Grupo de Acción Rápida (GAR) da Garda Civil.  

Segundo lembra a Garda Civil, o comercio, adquisición, tenencia e uso de sustancias químicas precursoras de explosivos está restrinxido e regulado desde hai anos, tanto na Unión Europea como en España, para evitar o seu desvío a fins ilícitos, violentos ou terroristas. Para adquirilos legalmente é necesario contar previamente cunha licenza que outorga o Ministerio do Interior a través do CITCO, que é o Punto de Contacto Nacional en materia de precursores, e co que a Xefatura de Información da Garda Civil traballa estreitamente.  

O pasado 2021 analizáronse máis de 450 solicitudes deste tipo de licenzas de precursores para descartar que os seus solicitantes non pretendesen desviar estas sustancias para fins ilícitos; realizáronse  37 inspeccións a establecementos que comercian con precursores; e investigáronse 30 transaccións sospeitosas.  

Nunha desas actuacións, o pasado mes de novembro en Reus (Tarragona), a Garda Civil realizou unha das maiores incautacións de precursores de explosivos realizada até o momento en España, na que se interviñeron 350 kg de precursores de explosivos a unha persoa que os estaba vendendo ilegalmente por Internet.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade