Deteñen un home por oito roubos con forza en establecementos de Ames e Teo
Deteñen un home por oito roubos con forza en establecementos de Ames e Teo
Foi sorprendido cando circulaba nunha bicicleta de cor gris que figuraba como roubada
O Equipo de Investigación do Posto Principal da Garda Civil do Milladoiro-Ames detivo un home como suposto autor de oito delitos de roubo con forza no interior de establecementos situados nos concellos de Ames e Teo.
O Instituto Armado indica que a investigación se iniciou a principios deste mes de maio por mor de varios roubos con forza no interior de establecementos de Ames e Teo nos cales se observaba un mesmo modus operandi.
Como froito da investigación levada a cabo para o esclarecemento dos feitos e dar co seu autor, a Garda Civil o pasado día 26 procedeu á detención dun home de nacionalidade romanesa e sen domicilio coñecido como suposto autor dun delito de roubo con forza no interior das instalacións dunha empresa de autobuses en Teo a madrugada do 22 ao 23.
Das xestións de investigación levadas a cabo posteriormente, relacionárono tamén coa autoría do detido dos outros sete delitos. No momento da detención circulaba nunha bicicleta de cor gris que figuraba como roubada.
Tamén se recuperaron 270 euros que portaba o autor no momento da súa detención e que correspondían coa cantidade subtraída momentos antes nun roubo con forza nunha nave de Teo.
As dilixencias instruídas xunto co detido foron postos ao disposición xudicial do xulgado de garda de Santiago de Compostela, decretando o seu ingreso en prisión.