Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen unha parella en Ferrol por vender por Internet medicamentos con efectos abortivos

Deteñen unha parella en Ferrol por vender por Internet medicamentos con efectos abortivos

O home arrestado chegou a dispoñer de 166 receitas do medicamento que posteriormente vendía de maneira ilegal co apoio da súa parella

G24.gal 08/08/2023 09:57

A Policía Nacional detivo en Ferrol un home e a súa parella por supostamente ofertar centos medicamentos con efectos abortivos a través de redes sociais e en portais de anuncios.

O 091 informa nun comunicado que o arrestado chegou a dispoñer de 166 receitas do medicamento que posteriormente vendía de maneira ilegal co apoio da súa parella. Atribúeselles aos dous supostamente a comisión de delitos contra a saúde pública, cooperación necesaria ao aborto, falsificación documental e estafa.

A investigación comezou a través dunha comunicación anónima nun correo electrónico que xestiona a Unidade Central de Ciberdelincuencia da Policía Nacional, en que unha persoa alertaba da existencia dun anuncio en que se ofertaba a venda dun medicamento con fins abortivos.

Os axentes comprobaron que existían centos de publicacións deste anuncio tanto en portais web como en distintas redes sociais. Nos anuncios en redes sociais utilizábase un nome de perfil co nome orixinal do medicamento para dar máis credibilidade ao ofertado, segundo a Policía Nacional, que indica que se achegaba distintos números de teléfono e correos electrónicos para contactar con eles.

Na investigación, os axentes recibiron tamén a alerta dun farmacéutico que detectara a falsificación da firma do médico que aparecía nunha das receitas.

Desta maneira puido comprobarse que no histórico de receitas do investigado constaban 166 expedicións do medicamento con receitas do Instituto Social das Forzas Armadas que posteriormente vendía de maneira ilegal.

Tras a denuncia e durante a investigación o home pechou os seus perfís nas redes sociais e cambiou os números de teléfono de contacto para a venda do medicamento, pero tanto o home como a súa parella seguían co negocio, segundo a Policía Nacional.

Os axentes acreditaron que o agora detido falsificara a firma dun médico en 66 das receitas e, ademais, adquiría os medicamentos en distintos establecementos para non levantar sospeitas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade