Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detida unha parella en Lugo por maltratar presuntamente unha menor de 6 anos

Detida unha parella en Lugo por maltratar presuntamente unha menor de 6 anos

A nai e a súa parella castigaban a pequena con duchas frías

Os arrestados quedaron en liberdade con medidas cautelares logo de declarar

O xulgado retiroulle a custodia da cativa á muller e impúxolles unha orde de afastamento

 

G24.gal 06/06/2024 11:36 Última actualización 06/06/2024 11:47

En Lugo, a policía investiga un caso de presuntos malos tratos a unha menor de seis anos.

A nai e a súa parella foron detidos. Ao parecer castigaban a pequena con duchas frías e cando foi rescatada pola policía tiña varias feridas na cara, polo que foi trasladada ao hospital.

Os detidos, tras prestar declaración, quedaron en liberdade con medidas cautelares. O xulgado retiroulle a nai da cativa a patria potestade. Ademais, nin ela nin o seu compañeiro sentimental, investigados por un presunto delito de malos tratos habituais e malos tratos no ámbito doméstico, poderán aproximarse ou comunicarse coa menor por ningún medio mentres dure a investigación.

A tutela da nena foi asumida pola Administración Pública. A detención da parella produciuse a noite do luns nunha vivenda da Ronda das Fontiñas, tras recibir a Sala do 091, confirmaron a Europa Press fontes da investigación.

Os berros desesperados da pequena alertaron os veciños, que foron os que avisaron a policía alertando dunha forte discusión nun dos inmobles. Axentes da Policía Nacional compareceron no lugar dos feitos procedendo á detención da nai da menor e da súa parella, que convivía con elas no mesmo domicilio, ao acreditar que a nena --que foi trasladada ás instalacións do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo para ser atendida-- presentaba lesións de consideración no rostro.

A investigación da causa atópase xa en mans da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional, a unidade competente na investigación de casos relacionados con violencia doméstica. O grupo especializado da Policía Nacional deberá investigar agora como se produciron as feridas que a nena presentaba na cara o día da detención da parella, dirimir a presunta participación nos malos tratos de ambos os investigados e determinar se estes tiveron lugar de maneira puntual ou reiterada no ámbito familiar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade