Detidas dúas persoas nun atraco a unha sucursal bancaria en Carral
Detidas dúas persoas nun atraco a unha sucursal bancaria en Carral
Os atracadores estaban a ser seguidos por axentes de paisano da Garda Civil
É o segundo roubo en entidades bancarias do concello en quince días
A sucursal de Abanca, situada na avenida dos Mártires, en Carral, era o obxectivo dos dous atracadores que contra o mediodía entraron nela sen saber que os seus movementos estaban a ser seguidos de preto por axentes de paisano da Garda Civil.
Unha vez dentro encaráronse a un empregado pedíndolle os cartos. Foi no momento da fuxida cando foron interceptados e inmobilizados polos axentes, que xa os agardaban ás portas da mesma entidade, e que procederon á súa detención.
O operativo causou gran sorpresa nesta zona pola que pasa a estrada nacional 550 e na que hai 15 días outra oficina bancaria próxima sufriu outro roubo.
Nesa ocasión o atracador, un home veciño da localidade, logrou levar 600 euros, se ben pouco despois era localizado no seu domicilio, onde os axentes recuperaron practicamente todos os cartos e procederon ao seu arresto.