Investigan se a planadora de Vilaboa ten relación coa que ardeu en Moaña en xaneiro
Investigan se a planadora de Vilaboa ten relación coa que ardeu en Moaña en xaneiro
A embarcación estaba no interior dun camión no peirao de Santo Adrán de Cobres
Axentes da Garda Civil arrestaron dúas persoas que tentaban botala ao mar
A Garda Civil detivo este sábado dúas persoas no peirao de Santo Adrán de Cobres, no concello de Vilaboa. Os axentes sorprendéronos desembarcando unha planadora dende un camión.
A embarcación, cargada de bidóns de gasolina e con varios motores de gran cilindrada, quedara atascada no tráiler que a transportaba. A manobra foi especialmente ruidosa e iso alertou a veciñanza.
A Policía Xudicial tomou mostras para tentar determinar a súa procedencia e destino. Polo momento, non transcenderon máis datos dos arrestos que se producen no marco dunha operación contra o narcotráfico que continúa aberta.
Segundo fontes próximas á investigación, podería estar relacionada coa planadora que ardeu en Meira, no concello de Moaña, no mes de xaneiro.