Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detidas tres persoas en Bertamiráns polo intento de homicidio dunha parella

Detidas tres persoas en Bertamiráns polo intento de homicidio dunha parella

Os arrestados son dous homes e unha muller que mantivera unha relación sentimental cunha das vítimas

Tamén se enfrontan aos delitos de roubo con violencia, tenza ilícita de armas e subtracción de placas de matrícula

 

Dependencias da Garda Civil no Milladoiro, onde denunciaron os feitos
G24.gal 02/04/2023 11:43 Última actualización 02/04/2023 20:56

Axentes da Garda Civil detiveron dous homes e unha muller como presuntos autores dun delito de homicidio, en grao de tentativa, dunha parella en Bertamiráns, no concello de Ames. Os feitos ocorreron no mes de setembro de 2022.

Un dos homes detidos é supostamente o autor material, pois chegou a efectuar tres disparos; o outro, un colaborador que lle axudou na fuxida; e a muller, a indutora e colaboradora necesaria, por achegar a información que permitiu a execución.

De acordo coa información oficial, tras identificaren os dous arrestados, descubriron que frecuentaban un lugar de ocio en que traballaba unha muller que tivera unha relación sentimental co home da parella tiroteada.

A investigación comezou tras a denuncia das vítimas. Segundo relataron, na madrugada do 17 de setembro do ano pasado ao entraren no portal da súa vivenda decatáronse de que non funcionaban as luces das zonas comúns, e subiron pola escaleira alumándose coa lanterna do móbil.

Unha vez na entrada do seu domicilio comprobaron que o perímetro da fechadura estaba queimado e as miras do resto das portas do relanzo da planta, tapadas con cinta illante. Nese momento, déronse conta de que no andar superior había unha persoa observándoos.

Entón, fuxiron escaleiras abaixo perseguidos polo individuo, que realizou tres disparos, sen alcanzalos. Fóra, outro home agardaba polo suposto agresor nun coche coas placas de matrícula doutro vehículo subtraídas no propio garaxe e déronse á fuga.

Antecedentes

As forzas de seguridade comprobaron que un deles fora detido en Lleida polos Mossos d'Esquadra tras usar unha arma de fogo durante un altercado. O revólver resultou ser o mesmo que se empregou nesta ocasión.

Os detidos pasaron a disposición do Xulgado de Instrución Número 3 de Santiago, que decretou o ingreso en prisión dun deles. Tamén se enfrontan aos delitos de roubo con violencia e intimidación en grao de tentativa, tenza ilícita de armas e subtracción de placas de matrícula. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade