Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido en Tordoia por roubar coches e farmacias, ter unha arma e defraudar electricidade

Detido en Tordoia por roubar coches e farmacias, ter unha arma e defraudar electricidade

Foi detido como suposto autor de tres delitos de roubo con forza, catro delitos de furto de uso de vehículo de motor, un delito de fraude de subministración eléctrica e un delito de tenza ilícita de armas

G24.gal 08/08/2023 10:13

A Garda Civil detivo un home en Tordoia por roubar vehículos, ter un arma de fogo, conectar a instalación eléctrica á rede de forma fraudulenta e roubar en dúas farmacias.

A través dun comunicado, a Garda Civil detallou que o home foi detido como suposto autor de tres delitos de roubo con forza, catro delitos de furto de uso de vehículo de motor, un delito de fraude de subministración eléctrica e un delito de tenza ilícita de armas.

A investigación iniciouse tras dous roubos con forza levados a cabo en dúas farmacias, unha en Cerceda e a outra en Tordoia, en que actuara este home, que forzou a porta de acceso para acceder ao interior e subtraer diñeiro en efectivo. Para estes furtos, o home, segundo a Garda Civil, subtraera un vehículo en Carballo.

Por mor da investigación, os axentes localizaron o pasado día 2 de agosto nas inmediacións da vivenda do detido un furgón con aparentes signos de ser roubado. Ao comprobalo, a Garda Civil solicitou ao Xulgado de Instrución número 1 de Ordes unha orde de entrada e rexistro no domicilio, xa que o home non quixo saír da vivenda de forma voluntaria.

Unha vez dentro e tras a detención, os investigadores comprobaron que na vivenda a instalación eléctrica estaba conectada á rede de maneira fraudulenta.

Ademais, recuperáronse dous vehículos roubados, un furgón dunha empresa de alugueiro, unha arma corta de lume, unha ganzúa artesá para forzar a pechadura dos vehículos, diversos obxectos posiblemente subtraídos e outra serie de indicios que están a ser analizados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade